No pasado de mes de novembro, unha das empresas, farta de esperar a prometida licitación, solicitou, formalmente e por escrito, a rescisión do contrato; e os traballadores denunciaban o impago das súas nóminas, anunciando que en xaneiro de 2025 a empresa deixaba de prestar os servizos e, polo tanto, procedería á rescisión dos seus contratos.
“O goberno tivo máis dun ano para preparar o expediente, abrir a fase de adxudicación e adxudicar os contratos, pero, unha vez máis,-remarcou- volveu a mentir, porque cando estamos xa en marzo de 2025 todo apunta a que resulta xa imposible que teñamos contratos novos ao remate dos actuais, porque, ata o de agora, non se completou o expediente de contratación; non se publicaron os pregos: e non se abriu a fase de adxudicación”.
De la Fuente denuncia que, agora mesmo, “os servizos se están prestando coas empresas querendo deixar os contratos; cos traballadores coa incerteza do seu futuro laboral e cobrando as súas nóminas con retraso; e cos usuarios vendo que as actividades se suspenderán en calquera momento, polo que esta xestión só se pode cualificar de calamitosa e insostible”.
“Anúncianse suspensións de actividades pola incerteza sobre a continuidade da prestación do servizo; algún centro tivo que pechar varios días por falta de persoal ou polo frío; tamén por falta material; e algunhas actividades se realizan por monitores sen a titulación e formación contractualmente requirida”, destacou.
Así mesmo, explicou o edil popular, “o pasado Nadal, o programa de conciliación foi un auténtico fracaso, programouse un calendario de actividades que non cubriu as máis mínimas necesidades das familias”.