O PP de Santiago acusa ao BNG de «sectarismo político» por prohibir unha concentración de coches clásicos
O concelleiro do Partido Popular, José Ramón de la Fuente, denuncia que, por segundo ano consecutivo, o goberno municipal liderado polo BNG volve a denegar a autorización para a tradicional concentración de coches clásicos na Praza do Obradoiro, organizada polo Club Galego de Automóbiles Antigos, coincidindo coas festas do Apóstolo.
Líder Redacción
22 de julio de 2025 a las 16:28
Este evento, que leva preto de corenta anos celebrándose con éxito en Santiago, foi cancelado en 2024 e agora novamente vetado en 2025, malia contar cunha importante afluencia de público e carecer de incidencias nos seus anos de realización.
De la Fuente critica a diferenza de trato manifesta por parte do goberno nacionalista: “É incomprensible que se denegue a autorización a esta concentración mentres que en setembro se autoriza outra de características practicamente idénticas. Non hai outra explicación que a arbitrariedade e o sectarismo político”.
Segundo o edil popular, a única diferenza entre as dúas concentracións é a entidade organizadora, e iso revela “un claro prexuízo ideolóxico e un uso partidista dos espazos públicos por parte do BNG”. “Se a ocupación do espazo é a mesma, se o tipo de evento é o mesmo e se xa se celebrou sen problemas durante décadas, a única razón da negativa é que non encaixa no esquema do nacionalismo compostelán”, afirma.
O popular subliña que a concentración de coches clásicos segue sendo un éxito noutras cidades galegas, como demostra o caso recente de Ribadeo, onde foi un dos actos máis concorridos das festas locais.
“Cada ano queda máis claro que o BNG emprega os recursos públicos e a programación cultural da cidade con criterios excluíntes. O Concello non pode actuar con este nivel de arbitrariedade nin discriminar iniciativas veciñais consolidadas simplemente por non encaixar na súa visión política”, conclúe o concelleiro popular.



