O PP de Melide denuncia a falta de Policía Local durante a fin de semana
Melide, 24 de setembro de 2025. O Partido Popular de Melide denuncia publicamente a gravísima situación vivida no municipio ao quedar sen servizo da Policía Local durante a tarde do domingo e a mañá do luns. Unha carencia que, segundo o PP, é “inxustificable, perigosa e un claro exemplo da falta de xestión do goberno local”.
Líder Redacción
24 de septiembre de 2025 a las 21:54
Durante ese período producíronse dous incidentes que puxeron de manifesto a desprotección da veciñanza:
O domingo, un veciño sufriu un desvanecemento na Ronda da Coruña e o luns pola mañá tivo lugar un accidente de tráfico diante das instalacións do taller Opel na parroquia de Santa María de Melide.
En ambos casos, a Policía Local estivo ausente, polo que tiveron que ser outros servizos os que atenderon as emerxencias.
Dende o PP de Melide considérase que esta situación é absolutamente intolerable:
“Non podemos permitir que Melide quede desprotexido durante horas enteiras. A seguridade cidadá é unha prioridade e o actual goberno municipal está a demostrar unha total deixadez”, sinalan.
O grupo popular esixe ao executivo local que adopte medidas inmediatas para garantir unha cobertura continua da Policía Local, sen excepcións, tamén en fins de semana e en horarios de maior necesidade.
“O PP de Melide vai seguir loitando para que os veciños e veciñas conten cun servizo policial digno, eficiente e permanente. A seguridade das persoas non pode depender da improvisación nin quedar en segundo plano”, conclúen.



