Planificación seria das licitacións para que non se repita este escenario.
Explicacións públicas sobre por que se repiten estes atrasos con diferente goberno e quen asumirá as responsabilidades polos maiores custes soportados polas arcas municipais.
COMUNICADO DO CONCELLO DE ARZÚA
Ante as afirmacións difundidas polo Grupo Municipal do Partido Popular (PP) e das que se fixeron eco determinados medios de comunicación sobre o futuro do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o Concello de Arzúa informa:
1) O proceso de nova licitación está en marcha desde hai meses.
Iniciouse coa contratación dunha empresa especializada para redactar os pregos.
2) Hai xa un borrador de pregos.
O concelleiro de Servizos Sociais, José Luis García, está a manter reunións co persoal auxiliar, traballadoras sociais, representación sindical e demais profesionais implicados, co fin de incorporar —na medida do posíbel— as súas achegas. Trátase dun dos contratos máis relevantes do Concello e esta escoita é imprescindible.
3) É unha licitación de gran contía e, por lei, debe publicarse no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE).
Isto implica trámites máis esixentes ca noutro tipo de contratos e prazos administrativos específicos.
4) Tramitación habitual e continuidade do servizo.
O proceso segue os procedementos habituais e os prazos marcados, polo que non hai motivo para alarmas. Mesmo no caso de que a licitación sufrise algún atraso, o SAF non se suspendería: existen mecanismos legais de continuidade do servizo que garantirán a atención ás persoas usuarias en todo momento.
5) Sobre a información publicada.
En primeiro lugar, lamentamos que se estean a difundir en medios de comunicación afirmacións sen contraste previo co Concello, pois iso dificulta a comunicación coa veciñanza e xera desinformación nun asunto moi sensible. O Concello de Arzúa reitera o seu compromiso en facilitar sempre información veraz e transparente a todas aquelas persoas ou medios que a soliciten.
En segundo lugar, consideramos grave o uso torticeiro que o Grupo Municipal do Partido Popular (PP) está a facer do SAF, un servizo moi sensíbel do que dependen moitas familias e que se atopa en risco en moitos concellos como consecuencia das políticas da Xunta de Galiza, que delegou a súa xestión nos concellos sen acompañala da contía necesaria para o financiar. Empregar o SAF de Arzúa como arma política só serve para xerar alarma entre a veciñanza e non axuda a mellorar nin o servizo nin as condicións das traballadoras.
En terceiro lugar, o Concello de Arzúa está e seguirá plenamente comprometido co SAF, coas súas profesionais e coas persoas usuarias. Garantindo sempre a continuidade deste servizo esencial ao tempo que instamos á Xunta de Galiza a asumir a súa responsabilidade, mellorando o financiamento e poñendo en marcha medidas concretas que permitan avanzar en protocolos de prevención, condicións laborais dignas e unha atención de calidade.