Xesús Domínguez lembrou que as directrices europeas marcan a recollida separada obrigatoria dos biorresiduos, dos téxtiles e dos residuos domésticos perigosos, ao tempo que fixa obxectivos de separación para a reutilización e a reciclaxe, pasando do 50% no ano 2020 ao 55% no 2025 e ao 10% nunha década. O ano pasado, o Concello de Santiago rexistrou unha porcentaxe de separación en torno ao 25%, e “aínda que en aumento, moi lonxe das directivas europea, mais superior aos resultados de Sogama estancados nun 18%”.
Para acadar os obxectivos, “poñemos o foco na fracción orgánica, que supón case a metade en peso de todos os residuos domésticos” promovendo a xestión mediante a compostaxe individual ou colectiva e a separación no colector marrón, extendido xa por todo o espazo urbano. Para este colector repartíronse máis de 5.000 tarxetas, ata agora con carácter voluntario, a través do programa “ti tes a chave” que permite a súa apertura para conseguir unha correcta separación dos biorresiduos por toda a cidadanía.
Outro dos aspectos destacados polo concelleiro que “encaixa con esta filosofía de sustentabilidade” é a xestión dos residuos de xardinería, hortas e podas (de diámetro inferior a 1 cm) que deberán destinarse a compostaxe.
Horarios de cada fracción
Domínguez sinalou que tamén se toman medidas para facilitar o depósito dos residuos nun horario máis amplo. Todas as fraccións se poden depositar durante as 24 horas do día, agás o vidro que se exclúe en horario nocturno para mellorar a convivencia, e a fracción resto que mantén o horario limitado que xa tiña. Preténdese con esta medida promover a separación en orixe dos residuos.