Recibo do abastecemento de auga
Na sesión deste 25 de xuño, a Corporación tamén aprobou o estudio de viabilidade e de explotación do contrato de concesión do servizo de abastecemento de auga, rede de sumidoiros e depuración para o concello. Este estudio económico financeiro servirá de base para establecer o prezo que deberá pagar a veciñanza polo abastecemento de auga potable, e polo saneamento naqueles fogares que estean conectados á rede de sumidoiros, como é o caso de Arca, Santiso e Cebreiro.
Manuel Taboada lembrou que este estudo, na práctica, servirá de base para establecer os prezos que recollerá a ordenanza que o Concello prevé aprobar en setembro. O alcalde dixo que a partir de agora cada veciño “vai pagar polo que realmente consuma, ao eliminar o mínimo de 15 metros cúbicos de auga ao trimestre e por familia” que establece a ordenanza actual. “Haberá persoas aboadas ás que o recibo lle vaia resultar máis barato e outras que terán que pagar máis, sobre todo aquelas que teñan un consumo maior”, indicou.
O alcalde explicou no Pleno que agora o Concello ten que asumir o mantemento da depuradora de Arca, que representan un gasto duns 200.000 euros anuais.
Este punto foi aprobado cos votos a favor de PP e BNG e abstención do PSdeG, que votou en falta que neste estudo non vaia analizar a viabilidade de municipalizar o servizo.
Regulamento da piscina de Lameiro
A Corporación tamén aprobou o regulamento da piscina municipal exterior de Lameiro para garantir o bo uso e funcionamento desta instalación por parte das persoas usuarias.
A principal novidade do regulamento é que establece un sistema de acceso electrónico ás instalacións mediante a lectura dun código QR. As reservas para acceder á piscina deberán facerse a través dunha aplicación móbil (para sistema operativo IOS ou Android) ou accedendo á plataforma de reservas da páxina web appreservas.com. Este mesmo sistema é o que establece tamén o Concello do Pino para reservar tanto a pista de padel como os pavillóns de Lameiro ou de Reboredo.
O Concello establecerá cada ano as datas concretas de apertura, os horarios e os prezos de acceso a piscina de Lameiro. De xeito xenérico, as instalacións abriranse a finais de xuño e pecharanse a principios de setembro, coincidindo co final e inicio do curso escolar, en horario de 12.00 a 20.00 horas de luns a domingo.
Entre as normas de uso, o regulamento establece que os menores de 14 anos só poderán acceder á piscina se contan coa supervisión dunha persoa adulta responsable.
Conta xeral e convenio coa FEMP
No pleno ordinario do mes de xuño, a Corporación do Pino aprobou tamén de xeito definitivo a conta xeral correspondente ao exercicio 2024 (xa estivo exposta ao público) e que establece un remanente positivo de tesourería de 1.042.000 euros.
O Pino tamén aprobou adherirse ao convenio entre a Administración xeral do Estado e a Federación Española de Municipios e Provincias para facilitarlle o acceso á administración electrónica as persoas que viven no rural. Segundo explicou Manuel Taboada, este convenio vai permitir que técnicos contratados polo goberno central se acheguen ata O Pino para impartirlle cursos á veciñanza para utilizar a administración electrónica.
Mocións en defensa do estado democrático
A moción presentada polo grupo popular en defensa do estado democrático e de dereito, e en repulsa da corrupción que afecta á contorna persoal e política do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno do Pino (7), en contra do PSdeG (2) e coa abstención do BNG (2). No pleno o PP rexeitou a emenda presentada polo grupo socialista