O Pino organiza unha nova edición do programa Vai de Auga
Líder Redacción
6 de abril de 2026 a las 13:32
- As saídas están previstas para os mércores 6, 13, 20 e 27 de maio, así como o 3 de xuño
- O prezo de participación establécese en 70 euros e inclúe o acceso ás instalacións termais, mentres que o desprazamento en autobús será gratuíto ao estar financiado polo Concello
- O prazo de inscrición abrirase o martes 7 de abril, con prazas limitadas que se cubrirán por orde de solicitude
O Pino.6-4-2026.- O Concello do Pino pon en marcha unha nova edición do programa Vai de Auga, unha iniciativa orientada a mellorar o benestar da veciñanza mediante a participación en actividades termais, ao tempo que se promoven hábitos de vida saudable e a convivencia social.
Nesta edición, o programa volverá ofrecer cinco sesións no Acquaform Termas de Cuntis, un espazo idóneo para o relax e o coidado persoal. As saídas terán lugar os mércores 6, 13, 20 e 27 de maio, e 3 de xuño, con saída dende a Praza do Concello ás 16.15 horas e regreso previsto arredor das 20.00 horas.
O prezo do programa é de 70 euros e inclúe o acceso ás instalacións termais. Ademais, o desprazamento en autobús será gratuíto para as persoas participantes ao estar financiado polo Concello.
As inscricións abriranse o martes 7 de abril. As prazas son limitadas, polo que se cubrirán por orde de inscrición. As persoas interesadas poden obter máis información no centro sociocultural ou no teléfono 981 511 065. O formulario de inscrición está dispoñible na web municipal nesta ligazón: https://opino.gal/vai-de-auga/
Este programa consolídase ano tras ano como unha das actividades máis valoradas pola veciñanza do Pino, tanto polos beneficios que achega á saúde —especialmente para persoas con molestias musculares ou articulares— como polo seu valor social, ao favorecer o encontro e a relación entre veciños e veciñas.
Desde o Concello anímase á participación nesta iniciativa, lembrando que, no caso de participación de menores, deberán estar acompañados por unha persoa adulta.



