O pregón oficial da festa, ás 14.30 h, correrá a cargo do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González Vázquez.
Coches clásicos e xantar popular
Como novidade, o domingo tamén se celebrará a partir das 11.00 h a I Concentración de Coches Clásicos e Históricos Festa do Galo Piñeiro, aberta a vehículos e motocicletas con máis de 35 anos.
Un atractivo máis que engadirá variedade á programación e atraerá público de todas as idades. Para participar na concentración é necesario inscribirse na casa da cultura ou no teléfono 981 511 065. O prazo para anotarse remata o 30 de xullo.
Ás 15.00 h celebrarase o tradicional xantar popular baixo a carpa situada xunto á praza de Forcarei. O prezo do menú é de 25 euros e os tiques pódense adquirir nos establecementos de hostalería do Pino ata o venres 1 de agosto. As entradas dispoñibles poranse á venda o mesmo domingo, 3 de agosto, no stand que terá o Concello do Pino na praza de Forcarei.
Mostra Cabalar e nova carreira de trotóns pola tarde
A partir das 17.30 h retomarase a actividade da Mostra Cabalar, que este ano repartirá máis de 4.400 euros en premios, incluíndo o Premio Especial Faísca ao mellor exemplar de Pura raza española (P.R.E.) nado e criado en Galicia, así como o Premio aos mellores movementos P.R.E..
Como novidade, inclúese unha carreira de trotóns, dotado con 450 euros en premios, que terá lugar ás 18.00 h, seguido de exhibición de enganche e da tradicional proba de arrastre.
Ás 20.00 h entregarase a totalidade de premios da mostra, antes do comezo do espectáculo ecuestre Pura Vida (20.30 h), que combinará doma, elegancia e arte a cabalo.
A edición 2025 da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar pecharase ás 22.00 h na praza de Forcarei co musical Historia da Verbena, da man de La Oca Band, que ofrece un percorrido musical e audiovisual polas grandes cancións das verbenas galegas combinando narración, humor, baile e música en directo a cargo de nove artistas multiinstrumentistas.