O Pino.8-4-2026.- O Concello do Pino pon en marcha unha nova enquisa co obxectivo de coñecer as preferencias da veciñanza en relación ás actividades deportivas de cara ao curso 2026-2027. Esta iniciativa busca seguir mellorando e ampliando a oferta municipal, adaptándoa aos intereses reais da poboación.
A través desta consulta, o Concello pretende recoller información directa sobre os hábitos deportivos actuais, así como sobre as actividades que máis interesan a nenos e nenas, adolescentes, persoas adultas e familias. Deste xeito, poderase deseñar un programa máis diverso e axeitado ás diferentes idades e necesidades.
A enquisa inclúe diferentes bloques nos que se poden seleccionar actividades deportivas como bádminton, fútbol sala, natación, patinaxe, voleibol, ximnasia rítmica, zumba ou xogos predeportivos para a poboación máis nova. No caso das persoas adultas, recóllense opcións como pilates, ioga, cross training, circuítos funcionais, baile ou sendeirismo guiado, entre outras. Ademais, tamén se contempla un apartado específico de actividades familiares, como roteiros en bicicleta, xogos cooperativos ou sesións de ioga en familia.