
A proposta consiste en abrir un concurso á cidadanía para compoñer un novo himno que se poida cantar durante os partidos. Xa hai nomes involucrados, como Ruxe Ruxe, banda mítica do rock galego, que achegou unha canción inspirada no Obradoiro: “Fixémola con moito amor, con cariño polo barrio, polo Sar, pola historia do club”, dixo Vituco, o seu vocalista, participando na entrevista.
A intención non é crear un himno oficial de xeito imposto, senón abrir a porta á participación creativa: “Non somos ninguén para impoñer nada. Queremos que a xente participe, que saia algo que emocione”, engadiu.
O club tamén salienta o papel fundamental da afección: “Ese apoio incondicional, ese ánimo minuto a minuto… é o que fai que xogadores e corpo técnico se sintan parte de algo máis grande”, destacou Bustelo. A idea é que a música axude a manter ese espírito mesmo fóra de Sar.
Desde o Obradoiro tamén se reforza o compromiso coa cidade: “Os clubes deportivos non só son vender camisetas, tamén é vender emocións”, afirmou Bustelo. A cultura, a música e o deporte camiñan xuntos neste novo proxecto que busca facer historia.