O pasado 4 de marzo de 2025 acordouse o inicio do segundo expediente de contratación. Deste xeito, este luns 31 de marzo de 2025, aprobouse o correspondente prego de cláusulas administrativas particulares, o expediente de contratación, o gasto e a apertura do procedemento de adxudicación. O orzamento base de licitación de dito proxecto ascende a 12.129.976,78 euros (IVE incluído). O período para presentar ofertas estará aberto ata o 2 de maio de 2025.
O alcalde, Blas García, agarda que o expediente de contratación estea resolto o antes posible para que as obras de construción poidan comezar antes de rematar este ano. “Esta é unha das actuacións consideradas estratéxicas para o Concello de Ames no que respecta ao futuro do núcleo máis grande e importante do municipio, xunto coa humanización da nacional N-550, que se está executando na actualidade, o remate do Centro multifuncional e o Complexo deportivo do Milladoiro”.
Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
O colexio, o primeiro que será construído de xeito íntegro baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI. Cunha superficie construída de 4.886 metros cadrados distribuída en dous andares, estará dotado de 6 aulas de infantil e 12 de primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.
A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a ANPA, etc) comedor e zonas de servizos comúns.