Este martes, 28 de xaneiro, comezou a execución das obras de adaptación da Biblioteca municipal do Milladoiro, para que a sala de estudo dispoña de acceso as 24 horas e poida ser utilizada fóra do horario laboral do persoal municipal encargado da biblioteca. As obras que se están executando afectan á entrada dende a rúa de Abaixo, onde se están realizando traballos para mellorar a accesibilidade á sala de estudo. Tamén se vai cambiar a porta de entrada e haberá que instalar de sistema de lectura e programa de xeración de códigos QR para a apertura da nova fechadura automática.
O alcalde de Ames e responsable do departamento municipal de bibliotecas, Blas García, explica que “estamos respondendo a unha demanda do veciñanza, que nos vén reclamando un lugar de estudo que non dependa da dispoñibilidade do persoal municipal. Deste xeito poremos en funcionamento a primeira sala de estudo aberta permanentemente do concello”.
Ata o de agora o acceso á sala de estudo estaba conectada interiormente ao espazo de biblioteca. O acceso á biblioteca realízase a través da porta situada na rúa Raxoeira. Atravesando este espazo e cruzando unha porta situada ao fondo do espazo da biblioteca, accédese á zona de estudo e lectura. Ata o de agora a porta situada na rúa de Abaixo funcionaba soamente como saída en caso de emerxencia.
Agora preténdese habilitar un acceso directo para os/as usuarios/as dende a rúa de Abaixo para que non teñan que acceder polo espazo de biblioteca. Ambos locais teñen unha superficie total de 483,26 metros cadrados. O espazo de biblioteca ten unha superficie de 258,47 metros cadrados, mentres que a sala de estudo dispón dunha superficie de 224,79 metros cadrados.
O obxectivo é poñer a disposición da veciñanza o servizo da sala de estudo durante as 24 horas con acceso desde rúa de Abaixo. Os/as usuarios/as terán que acceder a través dun código QR. Durante o horario nocturno a porta que comunica co espazo de biblioteca estará pechada. Pola contra, durante o horario xeral diúrno a porta de comunicación entre ambos locais seguirá estando aberta. No teito da zona de entrada pola rúa de Abaixo vaise instalar unha cámara de vídeo-vixilancia conectada á instalación actual.