Nesta ocasión, e tras unha incorporación de última hora, serán en total 48 os locais composteláns que pasarán por estas probas de preselección, o que supón 6 máis que na edición anterior, sendo a cifra máis alta desde que o concurso se desenvolve en febreiro.
Cómpre destacar ademais que 13 destes locais non participaron no certame do 2025. Segundo a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, este dato amosa tanto a capacidade do Santiago(é)Tapas para atraer novos establecementos coma o acerto no cambio de datas de celebración do concurso de novembro a febreiro para fomentar a desestacionalización do sector
Entre os 48 locais presentarán, ata este venres na Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos, un total de 73 tapas, unha cifra que medra en 5 propostas con respecto ao ano pasado. Durante estes días o Xurado Técnico está a avaliar as receitas e degustando os petiscos para seleccionar os que finalmente participarán no certame.
O XVII Santiago(é)Tapas celebrarase do 19 de febreiro ao 8 de marzo. Organizado e promovido por Turismo de Santiago e encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica”, o concurso conta co apoio da Deputación da Coruña e ten como patrocinador principal á empresa Hijos de Rivera, a través das súas marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá. Tamén colaboran a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), o Mercado de Abastos de Santiago, Cash Record, Café Dromedario, a Asociación de persoas celíacas de Galicia (ACEGA), o CIFP Compostela e Allwork.