A entrega de hoxe forma parte do reforzo dotacional impulsado pola Xunta para apoiar o labor dos GES. De feito, xa o pasado mes de marzo o conselleiro fixo entrega doutro camión BRP ao GES de Maceda e dun furgón de servizos varios (FSV) ao de Lobios. Os GES de Mos e A Guarda tamén resultaron beneficiarios de furgóns destas características. Con estes novos vehículos o GES de Brión mellorará a cobertura que presta a este concello e aos de Ames e Negreira, así como ao da Ulloa-Lugo-Chantada, con sede en Monterroso, que atende tamén aos de Guntín, Portomarín e Taboada.
O investimento só en equipamento para servizos de emerxencias municipais da comunidade, tanto GES como Protección Civil, supera os 27 millóns de euros nos últimos anos. Ademais, segundo aclarou o conselleiro de Presidencia, o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento, pese a tratarse dunha competencia local. Tamén financia os gastos de mantemento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil a través dunha orde anual que supón, de media, 340.000 euros anuais e que este ano beneficiou 191 entidades.
A colaboración da Xunta garante que os GES sigan prestando servizo público en materia de emerxencia, protección civil e prevención de incendios forestais. Neste sentido, os grupos teñen competencia para intervir en incendios -tanto urbanos como forestais-, para definir e manter as redes de faixas de xestión da biomasa de prevención e para levar a cabo prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, para crear descontinuidades da cuberta vexetal. Tamén fan prevención naqueles camiños e espazos públicos que poidan ao mesmo tempo servir de cortalumes.
Ademais, seguirán coa realización de actuacións de prevención da vespa velutina por seguridade da poboación, tales como o control e retirada de niños, entre outras actuacións. Continuarán intervindo en situacións de risco e emerxencia para manter a rede de estradas, mediante a súa limpeza a retirada de obxectos, especialmente no caso de accidentes. Tamén poderán actuar no caso de situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, sismos, derrubamentos, corrementos de terra e situacións de seca, entre outros traballos.