Seccións Oficiais
A 37ª edición de Cineuropa non esquece o seu compromiso coa descuberta das novidades do panorama cinematográfico e desprega unha programación cos mellores filmes da tempada na contorna europea, e firmas como as de Matteo Garrone, Aki Kaurismaki, Wim Wenders, Alice Rohrwacher, Ryusuke Hamaguchi, Justine Triet, Radu Jude ou Agnieszka Holland. A Palma de Ouro en Cannes, Anatomía dunha caída (Anatomie d’une chute), o premio do xurado en Berlín, Mal viver, e o León de Prata en Venecia, Eu Capitán (Io Capitano), estarán presentes na Sección Oficial Europea desta edición.
O Panorama Internacional escolma boa parte fitas que transitaron polos festivais internacionais deste ano, e inclúe os premios ao mellor director de Cannes, que recibiu Tranh Ang Hung por A lume manso (La passion de Dodin Bouffant), ou ao mellor actor no mesmo certame, que recaeu en Koji Yakush por Días perfectos (Perfect Days). Tamén abeira a proxección de Aquí (Here), o filme de Bas Devos que resultou gañador do ‘Encontros’ da Berlinale; de O mal non existe (Evil Does Not Exist) de Ryusuke Hamaguchi, gran premio do xurado da Mostra de Venecia, e de Zona Crítica (Critical Zone), de Ali Ahmahzadeh, que gañou o Leopardo de Ouro en Locarno.
Doce películas de procedencias diversas —Alemaña, Francia, Bélxica, Grecia, Portugal, Reino Unido, Romanía, Arxentina, Corea do Sur e Galicia— conforman a sección dedicada a Novas/os Cineastas, que inclúe as fitas gañadoras da Quincena de Realizadores ou a Semana da Crítica de Cannes, da Berlinale, da Mostra de Venecia ou do Festival de Locarno. Entre elas, O auto das ánimas de Pablo Lago Dantas, eríxese como a primeira película galega en participar nesta sección.
DOCS Cineuropa, cunha escolma de seis filmes documentais, e Panorama Audiovisual Galego, con cinco longamentraxes e quince curtas, completan as seccións oficiais do certame.
Xurado Oficial e Xurado Novo
Un xurado internacional composto polo cineasta uruguaio Álvaro Brechner, a programadora francesa Valentina Otormin e o crítico e escritor catalán Carlos Losilla, outorgará os premios da competición, que se darán a coñecer na cerimonia de clausura o próximo 25 de novembro.
Tamén daquela coñecerase o premio do público de Cineuropa e os galardóns outorgados polo Xurado Novo da 37ª edición, que distinguirán mellor película, mellor dirección, mellor guión e mellores interpretacións feminina e masculina.
Premios Cineuropa
O Teatro Principal abeirará as galas de entrega dos premios Cineuropa, que en 2023 distinguen a traxectoria do actor Luis Zahera, do cineasta portugués João Canijo e da actriz Ana Torrent. O recoñecemento ao actor santiagués gañador dun segundo Goya por As Bestas, terá lugar o mércores 15 nunha sesión na que se proxectará El Reino, de Rodrigo Sorogoyen. A homenaxe ao cineasta João Canijo será o domingo 19, nun acto que incluirá a proxección de Mal Viver, o filme o premio do xurado na Berlinale. Finalmente, a entrega do Premio Cineuropa á actriz Ana Torrent, realizarase o xoves 23 nun acto que incluirá a proxección de Sobre todo de noche.
aSedes do festival e información práctica
O Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX, Multicines Compostela, o CGAC e a Zona C abeirarán as proxeccións e actividades desta edición. As entradas e bonos estarán á venda a partir do martes 7 no despacho de billetes da Zona C e na web compostelacultura.gal.
Apoios e colaboracións