Desde a área comercial, Begoña González reforzaba esa idea ao afirmar que “non é só o produto, é o proxecto que hai detrás” e que en Daveiga “non hai pirámides de poder”, senón autoxestión dos postos de traballo e unha visión compartida de cara ao crecemento.
A produción responsable concrétase en medidas ambientais moi específicas. “Intentamos ser coherentes en todo o proceso: traballamos con residuo orgánico cero, as Mariñeiras que non se comercializan tritúranse e destínanse a alimentación animal en granxas da zona, temos placas solares e aproveitamos a auga da chuvia… Non é só producir, é facelo con responsabilidade”, sinalaba Alba.
A identidade galega é outro dos sinais distintivos da marca. Toda a comunicación, desde o packaging ata a web e as redes sociais, está en galego. “Levamos o galego e as Mariñeiras a todos os sitios”, destacaba Begoña. Ese compromiso reflíctese tamén no apoio a iniciativas culturais como Fala que Fala, impulsado por Radio Líder co apoio da Secretaría Xeral da Lingua, e Onda Chicha, desenvolvido por Radio Líder Santiago e Chichalovers para dar visibilidade a bandas emerxentes galegas.
No plano do produto, Alba explicaba que están a traballar para deixar atrás o termo “galletas”, porque pode levar a confusión sobre o que realmente son as Mariñeiras. “Son pan sen miolo, crocante, versátil e de longa duración. Teñen forma de galleta, pero non o son”, subliñaba, insistindo en que se trata de tostas de pan que poden consumirse soas ou acompañadas, ao estilo cracker, tanto en propostas doces como salgadas. Unhas Mariñeiras que tamén definen como “mariñeiras de interior”, reivindicando así a súa orixe no rural galego.
No plano produtivo, Daveiga elabora entre 4.000 e 6.000 quilos diarios de Mariñeiras. No mercado nacional está presente en grandes cadeas e en tendas especializadas, mentres que a nivel internacional exporta principalmente a Europa —Reino Unido, Irlanda, Polonia e tamén Portugal— ademais de México e Estados Unidos. En canto aos gustos, tamén hai diferenzas segundo o territorio: en Galicia funcionan especialmente ben as referencias clásicas, como aceite de oliva e manteiga; en Andalucía sorprendeu o éxito da manteiga fronte ao aceite; e fóra de España destaca a referencia de aceite de oliva virxe extra.