O Consorcio de Santiago celebrou este venres a súa Comisión Executiva e o seu Consello de Administración. Ambas xuntanzas celebráronse no Pazo de Vaamonde e estiveron presididas pola presidenta do Consorcio e alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín. En representación da Administración Xeral do Estado acudiu a subsecretaria do Ministerio de Facenda e Función Pública e vicepresidenta primeira do Consorcio, Pilar Paneque, e, por parte da Xunta de Galicia, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. Tamén participou telematicamente Jesús Manuel Gómez, subsecretario do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.
Na xuntanza aprobouse o presuposto para o vindeiro ano, que ascende a 10.213.878,50€. As achegas das tres administracións consorciadas son de 5.261.476€ por parte da Administración Xeral do Estado, 3.161.854,30€ da Xunta de Galicia e 1.542.346,59€ do Concello de Santiago. Todas comunicaron publicamente que as súas achegas ao Consorcio para o exercicio 2024 medrarán un 10%, o que se reflicte nestes orzamentos. Esta suba permitirá facer obras de reforma interior do Palacio de Congresos.
Dentro dese investimento, ao Programa de Rehabilitación, Mantemento e Recuperación Urbanas destinaranse 1.773.779,20€; mentres que ao Programa de Dinamización Cultural e Turística, que inclúe a Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, irán 6.193.626,07€ e ao Programa de Información, Estudo, Interpretación e Divulgación da cidade destinaranse 367.201,16€. Por último, no Programa de Administración, Dirección Xeral e Mantemento e Conservación do Patrimonio Propio investirase un total de 1.876.672,07€.