Míriam Louzao anunciou na rolda de prensa desta mañá a aprobación por parte do executivo municiapal do expediente de contratación que ten por obxecto a licitación das actuacións urxentes de reparación en tres parques infantís da cidade, por unha base de licitación de 73.268,53 euros (base impoñible de 60.552,50 € máis IVE do 21% por 12.716,03 €). O procedemento de adxudicación dividirase en 3 lotes, o primeiro para a intervención no parque infantil da praza de Vigo, por un importe de 24.881,23 euros (20.563,00 máis IVE do 21% por 4.318,23 €), un segundo lote para o da praza de Galicia (21.092,72 € máis 3.660,72 €) e un terceiro para o espazo de Agros de Ramírez, a carón da praza Roxa, cun orzamento base de licitación de 27.294,58 € (22.557,50 € máis IVE do 21% por 4.737,08 €).
O obxectivo deste contrato é a realización dunha serie de actuacións de reparación e mantemento nos parques infantís do núcleo urbano que teñen maior afluencia e, polo tanto, tamén os que sofren un maior desgaste. Deste xeito, levaranse a cabo traballos de limpeza, de mellora do pavimento continuo e de colocación de céspede artificial. Tamén se prevé a substitución das pezas deterioradas dos elementos de xogo e labores menores de reaxuste e pintura.
A voceira incidiu en que esta acción, que ten «como prioridade as crianzas e o seu benestar», está en liña co obxectivo do Goberno municipal de traballar nunha «Compostela Boa de vivir», o primeiro dos tres retos presentados a pasada semana pola alcaldesa para un novo curso político «que virá marcado de aquí a finais de ano pola execución dos remanentes e que terá unha cita política chave en outono, co debate sobre o estado do concello». A voceira recordou que ademais deste primeiro reto centrado en temas como a vivenda, a mobilidade ou as condicións urbanas, fixouse un segundo centrado en «continuar xerando oportunidades para o desenvolvemento económico» a través do apoio aos negocios locais e á diversificación económica, e un terceiro co foco en «que a veciñanza sexa o centro das políticas municipais».