O alcalde de Ames, Blas García, explicou “que a través do plan Conecta Ames vanse investir 11 millóns de euros, un investimento moi importante que vai a servir para cambiar o noso concello e ter un concepto distinto do Ames que coñecemos agora mesmo. Nesta ocasión dito investimento vaise a repartir en proxectos para os núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos núcleos do rural. O que pretendemos é vertebrar o noso concello a través dunha senda que se vai a executar para unir Bertamiráns e O Milladoiro, e vertebrar o rural porque neste plan inclúese a implantación dun sistema de transporte público para unir o rural cos núcleos urbanos. Vai ser o investimento máis importante que se faga en Ames nos últimos 15 – 20 anos. Tamén se inclúe a creación dun novo mercado municipal e de novas zonas verdes, e un proxecto para achegar os servizos de atención á veciñanza ao rural porque se van a mellorar os locais sociais”.
O rexedor municipal tamén apuntou que “este non é un plan deste goberno, senón que é un plan de toda a Corporación municipal e de todos os veciños e veciñas de Ames, porque naceu da participación na elaboración da Axenda Urbana, un proceso no que se lle deu a correspondente participación aos grupos políticos e á cidadanía. Unha Axenda Urbana da que imos falar nun foro que se vai celebrar na Coruña o 22 de outubro porque nos convidou un Ministerio. Este é un xeito de que se valore o gran traballo feito na elaboración da nosa Axenda Urbana”.
Sobre os proxectos dixo “o proxecto que temos máis avanzado é o do mercado municipal que será o primeiro que executaremos, porque xa temos o proxecto técnico feito, e apalabrado coa Xunta de Galicia e coa Deputación da Coruña a colaboración en materia de financiamento. Dos 4,3 millóns de euros que ten que achegar o Concello para chegar ao 11 millóns de euros que contempla este plan, xa teríamos a achega de 2 millóns de euros da Xunta de Galicia e 1 millón da Deputación da Coruña”.
Proxectos enmarcados nunha estratexia xeral
Deste xeito, na EDIL do Concello de Ames inclúese un primeiro proxecto que se define como a construción dunha estratexia alimentaria integral Km0, apoiada nun novo mercado de abastos e un banco de terras de produción local que inclúe as seguintes accións: a construción do mercado municipal de abastos, en Bertamiráns, e a rexeneración do espazo exterior; a integración co entorno verde próximo a través da rúa do Cómaro; a creación dun banco de terras de catro hectáreas recuperadas para o cultivo ecolóxico na Condomiña (na contorna fluvial do río Sar); e mailo asesoramento e formación aos produtores.
O segundo proxecto aborda a vertebración do municipio a través da creación dunha senda ciclable que conecte O Milladoiro e o rural coas dotacións de referencia, integrando e poñendo en valor o patrimonio e os nodos sociais de referencia ubicados ao longo da mesma, que inclúe a conexión peonil e ciclista entre O Milladoiro e Bertamiráns (conexión Milladoiro – Biduído de Arriba – Bugallido – Ortoño – Bertamiráns); a recuperación de espazos públicos periurbanos como as rúas Ameixeiras e Juan Bueno Bueno, Bugallido, corredoira de Ortoño, Guimaráns, Buceleiras e Ortoño ata chegar á rúa Alcalde Lorenzo.