Despois de recoller o premio, o alcalde de Ames, Blas García, destacou a importancia da promoción do idioma e a necesidade de abordar a defensa do galego de forma decidida. “Todas as administracións debemos traballar remando na mesma dirección, o galego é patrimonio de todos e todas, é un nexo de unión. Dende Ames temos claro o camiño a seguir e pola nosa parte seguiremos potenciando este tipo de iniciativas. É un privilexio traballar cóbado con cóbado coa RAG polo noso idioma e esperemos que esta colaboración dure moitos ano máis e poida ser replicada noutros concellos galegos. E esperamos tamén que outras administracións tome nota e nos apoien neste propósito”.
Por parte da Real Academia Galega acudiu o seu presidente, Henrique Monteagudo, que expresou a importancia de implicar a unha corporación municipal nun proxecto como o “Modo galego, actívao” pois “a defensa da lingua é labor de todas as institucións e os concellos teñen un papel fundamental pola proximidade á cidadanía”. O presidente precisou que a elección de Ames para este proxecto veu derivada do traballo que viña facendo de defensa da lingua e pola composición sociolingüística do propio concello. Monteagudo destacou tamén a implicación das directivas dos centros sen as cales levar a cabo o proxecto sería moi difícil. “Levamos dende o ano 2021 e temos a vontade de seguir da man do Concello de Ames para seguir prolongando e ampliando este proxecto, que pode ser exportado a outros municipios”.
Modo galego, actívao! é un proxecto de investigación e dinamización lingüística que se vén desenvolvendo colaborativamente, dende o ano 2021, polo Concello de Ames, a Real Academia Galega e os once centros educativos amesáns de infantil, primaria e secundaria (EEI O Milladoiro, CEP de Ventín, CEIP A Maía, CEIP de Barouta, CEIP Agro do Muíño, EEI de Covas, EEI de Ortoño, EIM A Madalena, EIM O Bosque, IES do Milladoiro e IES de Ames) xunto co monitorado dos servizos complementarios de educación. Ao seu abeiro, deseñáronse, implementáronse e avaliáronse iniciativas orientadas á educación formal e non formal, co obxectivo de activar a lingua galega entre o alumnado e converter os centros de ensino en espazos seguros para o seu uso. No programa participaron arredor de 3.000 alumnos e alumnas e as súas familias, 200 profesores e profesoras e 150 monitores e monitoras. Contou, ademais, coa colaboración das ANPAS municipais.
O acto de entrega de premios estivo conducido por Atenea García, actriz, creadora escénica e narradora oral, titulada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. Fundou, xunto ao músico e escenógrafo Nicolás Zamorano, a compañía Xarope Tulú, dedicada ao público infantil e xuvenil. Comezou a súa andaina como narradora oral no ano 2016 e na actualidade conta con seis espectáculos en repertorio para público familiar. Combina o seu labor como produtora, creadora e intérprete na compañía Xarope Tulú co seu traballo interpretativo para outras profesionais das artes escénicas. Ademais, forma parte da Asociación Galega de Narración Oral (NOGA).
Trofeo identificativo e diploma