E como dixo o concelleiro Xan Duro, esta saída de vehículos supón que «a rúa da Ensinanza será espazo libre de vehículos privados, salvo que sexan residentes».
Permitiráse o paso de vehículos motorizados particulares con orixe ou destino no propio ámbito de actuación, así como dos vehículos de carga e descarga ou servizos públicos como transporte, limpeza, emerxencias ou mantemento.
Con estas actuacións, o goberno local aspira a «reducir notablemente o número de vehículos no ámbito, sen impedir que aquelas persoas que necesitan acceder en coche poidan facelo».
«Esta é a nosa visión de futuro para este ámbito, froito dun traballo técnico rigoroso», indicou, para matizar que serán «os equipos participantes os que deberán definir como se materializa e como se distribúe o espazo do xeito máis harmónico, eficiente e xusto».
A Xunta de Goberno local deu luz verde este lunes ao convenio entre o Concello e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), que ten por obxecto establecer a colaboración entre o Concello e o Colexio, que se centrará na definición dos criterios técnicos de cada unha das fases do concurso, difusión do concurso e formar parte do xurado.
Criterios
O concelleiro Iago Lestegás explicou que os criterios para o concurso son, en primeiro lugar, a calidade urbana: accesibilidade, seguridade e equidade; flexibilidade, versatilidade e confort; e comercio de proximidade, un ámbito no que o goberno local está incidindo dende diferentes puntos da acción.
Tamén se inclúe o concepto do metabolismo urbano e sostibilidade, incluíndo o ciclo da auga, o verde urbano e os servizos; a materialidade (habitabilidade do espazo público, solucións de baixo impacto ambiental, durabilidade e mobiliario inclusivo); e o valor histórico (integración dos elementos patrimoniais e arqueolóxicos, matemento e reutilización dos pavimentos de granito existentes).
Outro criterio é o da circulación, coa busca do fomento do transporte colectivo e da mobilidade activa, a redución do número de vehículos particulares, calmado de tráfico e mellora da seguridade e da accesibilidade.
Fases do concurso
Nunha primeira fase do concurso, o xurado seleccionará entre as candidaturas que teñen que acreditar a solvencia técnica e económica e presentar unha proposta técnica. Nesta primeira fase, Iago Lestegás indicou que aspira a que se presenten o máximo número de candidaturas. O resultado desta primeira fase será a selección de cinco equipos que desenvolverán a proposta na segunda fase do concurso.
Na segunda fase, os equipos presentarán unha proposta a nivel de anteproxecto entre as que se seleccionará a proposta gañadora.
Convocatorias para a rehabilitación de edificios
O executivo municipal tamén aprobou o lanzamento de dúas convocatorias de axudas para a rehabilitación de edificios enmarcados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado polos fondos da Unión Europea NextGenerationEU. Trátase de 2.186.400 euros para a rehabilitación da vivenda construída no século XX nos barrios de Pontepedriña, Vite e Vista Alegre e 2.083.200 euros para actuacións nos edificios da cidade histórica.
Outros asuntos
O executivo municipal tamén deu conta do Convenio de cooperación entre a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago para o outorgamento dunha subvención para o cofinanciamento das obras de acondicionamento da edificación existente para albergar o Centro de interpretación de arte rupestre de Villestro (CIRVI). A Deputación financiará o 100% do orzamento das obras, que ascende a 225.857,18 euros, IVE incluido, e que se levarán a cabo sobre un inmoble e unha parcela situados na parroquia de Villestro, no lugar de Feáns, que forman parte na actualidade dun equipamento comunitario docente público de Infantil e Primaria.
A Xunta de Goberno local tamén aprobou provisionalmente o Plan municipal de prevención contra os incendios forestais do Concello de Santiago. Con este Plan, dáse cumprimento ao establecido na Lei 3/2007 que obriga a definir a rede de faixas secundarias de xestión de biomasa para garantir o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal, mediante técnicas silvícolas axeitadas, co fin principal de reducir o risco de incendio e protexer a seguranza das persoas.