O segundo eixo está orientado a manter e mellorar os servizos destinados a coidar Compostela e á súa veciñanza. Aquí inclúense o contrato do transporte urbano, os investimentos no túnel do Hórreo e na rede semafórica, as actuacións en sustentabilidade coa nova EDAR, a limpeza e recollida de residuos, así como políticas de conciliación como o SAF, os comedores escolares ou os servizos de conserxería e limpeza dos centros educativos e deportivos. Tamén se reforzan os centros socioculturais e a actividade cultural, educativa e xuvenil.
Como terceiro eixo, o Concello sitúa o coidado do espazo que se habita, con investimentos no mantemento do viario público, en obras, parques infantís e no rural, ademais do reforzo de equipamentos municipais como instalacións deportivas, a futura Casa das Persoas Maiores ou a Factoría.
O cuarto eixo aposta por tecer redes de colaboración, mediante subvencións de concorrencia competitiva para entidades asociativas veciñais, culturais, deportivas e profesionais, así como subvencións nominativas.
Oito de cada dez euros para servizos e espazos públicos
Por áreas, Educación, Cultura, Deportes, Centros Socioculturais, Transporte e Seguridade suman preto de 50 millóns de euros, o que representa o 30% do orzamento total. A protección social supera os 18 millóns de euros (12,2%), mentres que a transformación e mantemento de espazos de calidade concentra outros 50,1 millóns, o 33,8%.
No ámbito dos servizos públicos, destacan os 8 millóns de euros para o transporte urbano, 6,6 millóns para o servizo de axuda no fogar, 4 millóns para a nova depuradora, 2 millóns para a conserxería e limpeza dos centros escolares e 3,8 millóns para o mantemento e conservación de parques públicos.