O proxecto global, financiado pola ONU e dirixido pola Dra. Agustina Portu, investigadora da CNEA (Comisión Nacional de Enerxía Atómica), ten como obxectivo fortalecer as capacidades da Comisión na área da imaxe PET e o desenvolvemento de novos radiofármacos. Na primeira fase, durante setembro e outubro, o CiMUS acolleu dous investigadores da CNEA: a enxeñeira nuclear Julia Viglietti e o Dr. Martín Belzunce. Ambos participaron en actividades de formación nos laboratorios do CiMUS centradas en desenvolver a súa experiencia en imaxe PET preclínica.
Na segunda fase, que tivo lugar a semana pasada, Pablo Aguiar, investigador do CiMUS e do IDIS, foi convidado como parte dunha misión de expertos á CNEA en Bos Aires. O seu obxectivo foi formar e asesorar a investigadores da CNEA na análise de imaxes PET, realizando actividades de formación específicas no Laboratorio Nacional de Imaxe Preclínica (LANAIP) da CNEA, coordinadas pola Dra. Agustina Portu. A misión deste laboratorio é proporcionar servizos de imaxe preclínica a institucións de toda a Arxentina, baixo estritos estándares de ética, seguridade radiolóxica e benestar animal.
O CiMUS e o CNEA contan con sistemas tecnolóxicos de imaxe equivalentes, o que permitiu identificar múltiples oportunidades de colaboración científica e transferencia de tecnoloxía entre os dous grupos. A misión tamén incluíu actividades de formación no Centro Universitario de Imaxe Médica (CEUNIM) da Universidade Nacional de San Martín (UNSAM), un centro dedicado á realización de estudos de imaxe por PET e resonancia magnética clínica, onde Pablo Aguiar levou a cabo diversas actividades de formación no campo da imaxe por PET.
Galicia, na vangarda da protonterapia
A delegación galega tamén estivo representada por Alfredo Iglesias, coordinador do proxecto do Centro de Protonterapia de Galicia, promovido pola Xunta de Galicia. O centro galego, que entrará en funcionamento a finais de 2026, é un dos fitos máis significativos da medicina oncolóxica impulsadospola comunidade autónoma e o máis avanzado dos nove proxectos do Sistema Nacional de Saúde. Esta reunión serviu tamén para reforzar as sinerxías entre Galicia e Arxentina, xa que o CNEA (Centro Nacional de Técnica Aeroespacial) está a poñer en marcha un centro de protonterapia similar ao que se está a construír preto do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).