Entre os exemplos máis significativos, citou o proxecto do parque empresarial da Tarroeira, que considerou unha oportunidade perdida para atraer investimento e poboación. “Era unha vía clara para xerar riqueza, emprego e demanda interna, e deixouse caer por intereses políticos”, lamentou . Nesta liña, defendeu políticas activas que favorezan o asentamento empresarial e a competitividade fiscal do municipio.
No ámbito dos servizos básicos, Vidal Seage mostrou especial preocupación pola situación do abastecemento de auga. “O 65% da auga pérdese e non se aplicou ningunha das medidas propostas polos auditores”, denunciou, cualificando a situación de “grave” . Para o portavoz popular, este tipo de problemas evidencian unha falta de planificación e execución por parte do goberno local.
A entrevista tamén abordou cuestións urbanísticas, como a proposta dun banco de solares impulsada polo executivo. Vidal Seage foi contundente ao respecto: “Non resiste unha análise seria; o Concello non pode actuar como un poxador de edificios nin fomentar dinámicas especulativas” . Ao seu xuízo, existen outras ferramentas legais e máis eficaces para afrontar o problema dos inmobles en estado ruinoso.
En clave política, o portavoz popular recoñeceu as diferenzas ideolóxicas co actual goberno, pero insistiu en que a xestión local debe centrarse en cuestións prácticas. “Nun concello pequeno, a política é de proximidade, de porta a porta, e o que importa é a calidade de vida dos veciños”, explicou . Neste sentido, reivindicou actuacións que melloren servizos como o saneamento, o mantemento de espazos públicos ou as infraestruturas deportivas.
Finalmente, Vidal Seage deixou entrever a súa intención de recuperar proxectos paralizados no futuro, apostando por retomar as liñas estratéxicas que, segundo el, xa estaban definidas. “A idea é continuar onde o deixamos, recuperar iniciativas e volver poñer en marcha o concello”, afirmou .