Público infantil e xuvenil
A programación do Banquete de Conxo tamén inclúe moitas propostas para o público infantil. Así, ao longo do sábado pasarán pola praza de Aurelio Aguirre Títeres Babaluva, coa sua Feira das Sementes e Charlatán Rodríguez; e no domingo están previstas as actuacións do Mago Teto e de Peter Punk, ademais das actividades que se trasladarán á zona da carballeira, como unha mostra de xogos tradicionais ou un espectáculo dos Catropés.
En canto á mocidade, para ela están especialmente dirixidas dúas propostas: a sesión vermú do sábado cun cartel que nace do Centro Xove da Almáciga e do que fan parte Patrick e Ginko Bilova; e a Festa da poesía, na noite do sábado. O evento estará conducido por Claudia Pino, e contará coa participación de Clara do Roxo, Francesca da Silva e Iris Abril; e coa música de Miguel Bouzó, Leticia Rey e Xeva.
No apartado musical, a programación inclúe a actividade denominada “Canto Fraterno”, na que participarán pandereteiras de Marrozos e de Sar; e o concerto de Coros na escalinata do Psiquiátrico, coa participación do Coro de Habaneras Rocha Forte, Coro Coto da Nai de Aríns, Coro Crecente, Coro Amigos do Castiñeiriño, Coral da Pontepedriña, ou o Orfeón Tradicional da Colexiata de Sar.
Tren do Banquete de Conxo
Un ano máis contarase co Tren do Banquete de Conxo; un percorrido especial gratuíto do tren turístico, decorado para a ocasión. Haberá traslados de balde entre a Alameda, no centro da cidade, e o barrio de Conxo. (Prioridade para familias con nenas/os, persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época).
María Rozas reiterou que o obxectivo da programación “é que a Festa do Banquete sexa unha festa para toda a veciñanza, sen esquecer as súas orixes reivindicativas e de recuperación da memoria, e poñendo en valor o patrimonio natural de Compostela, demostrando que podemos conservalo e defendelo ao tempo que o desfrutamos”.
CENTENARIO DA ANEXIÓN DO CONCELLO DE CONXO
A Festa do Banquete non é a única celebración que terá lugar en Conxo no mes de maio. A concelleira de Festas aproveitou para lembrar que mañá se celebrará o acto central de conmemoración do centenario da adhesión do Concello de Conxo ao de Santiago.
Deste xeito, a corporación e a veciñanza de Conxo sairán en comitiva ás 18.00 h da praza do Obradoiro, cunha parada na praza de Vigo, simbolizando o lugar de nacemento de Rosalía de Castro, a veciña máis universal do antigo Concello de Conxo, onde se fará unha lectura de poemas a cargo de alumnado do CEIP Quiroga Palacios.