O alumnado do IES Antonio Fraguas reclama recuperar a saída nos recreos e horas libres
O alumnado de bacharelato do IES Antonio Fraguas manifestou o seu malestar ante a prohibición de saír do centro durante os recreos e horas libres, unha medida implantada o curso pasado pola nova dirección. A decisión baséase nunha normativa da Xunta de Galicia que fai responsable á dirección de cada centro do que lle poida ocorrer ao alumnado durante o horario lectivo, tanto dentro coma fóra do recinto escolar. Isto implica que cada instituto poida decidir se permite ou non as saídas.
Líder Redacción
18 de octubre de 2025 a las 23:13
Segundo o estudantado, ata hai dous cursos o alumnado de bacharelato tiña garantida esa liberdade, polo que consideran o cambio “un retroceso” que afecta negativamente ao seu benestar. Argumentan que o centro non está preparado para acoller a todo o alumnado nos recreos —máis de 700 estudantes entre ESO e bacharelato— e que a alternativa ofrecida pola dirección, permanecer nas aulas durante o recreo, “non é unha solución efectiva”.
“Precisamos un espazo real de descanso, non o mesmo lugar no que pasamos seis horas de clase”, explican os alumnos, que tamén destacan que esta medida supón un maior esforzo para o profesorado, obrigado a vixiar tanto os patios como as plantas superiores.
Conscientes de que o cambio depende da administración autonómica, o alumnado do IES Antonio Fraguas, animado polo exemplo do IES Rosalía de Castro, solicita que se revise a normativa e se lles devolva a posibilidade de saír do centro durante os períodos de lecer, garantindo así un descanso axeitado dentro da xornada escolar.



