
Un concello industrial, pero con equilibrio
“Cerceda é un concello de base industrial, pero onde se vive ben”, afirmou Rodríguez. Recordou que o polígono do Acevedo, con máis de 70 hectáreas, está en permanente dinamismo, e que se están tramitando novas áreas industriais: 43 hectáreas en Coveláns e 10 na Areosa.
Anunciou, ademais, proxectos relevantes como a posible central hidroeléctrica nas Encrobas, e salientou que o desenvolvemento industrial vai ligado ao investimento social: “Canto máis se xera, máis capacidade temos para facer políticas públicas”.
Turismo, ocio e natureza: o Parque Acuático como emblema
O rexedor falou tamén do Parque Acuático de Cerceda, que estará aberto ata o 7 de setembro con prezos accesibles: “Queremos que sexa unha instalación aberta, visitada e asumida como patrimonio da provincia”.
Anunciou un proxecto estrela a longo prazo: a ampliación do parque con sete novos tobogáns “ao nivel dos mellores parques de España”, que xa conta cun anteproxecto e que buscará apoio da Xunta e da Deputación: “É un proxecto a longo prazo, de cara ao 2030, pero xa estamos traballando niso”.
Rodríguez confirmou a súa intención de repetir como candidato en 2027: “Mentres teña ideas e apoio da veciñanza e do partido, seguirei con forza. Teño 34 anos e moita ilusión por seguir traballando por Cerceda”.
Crise no PSOE: “O noso éxito non depende de Madrid”
En relación coa situación do PSOE e que afecta ao goberno estatal, foi claro: “O que pase en Madrid inflúe pouco nas municipais. Aquí o que importa é dar servizo e cumprir. A xente valora iso”. Recoñeceu a situación complexa do PSOE a nivel nacional, pero tamén cargou contra o Partido Popular: “Mentres non se aclare quen era M. Rajoy, que non dean moitas leccións de corrupción”.

Fusión de concellos: “Non é viable tocar a identidade”
Sobre posibles fusións de concellos, amosouse contrario: “Os cercedenses son cercedenses. E os carballeses, carballeses. A identidade é importante. A fusión só ten sentido se ben desde moi arriba e por razóns extremas”.
Cerceda aposta por unha axenda chea de eventos: o festival Aqualand, a Feira das Nenas da Silva, a Festa do Cochino (último sábado de xullo), ou as carreiras populares como a ‘Os 11 das Vías’ ou a ‘Poseidón Race’. “Non só de obras vive un concello: tamén hai que crear comunidade e identidade colectiva”, destacou o alcalde.