Reivindicación do GES
Outro dos asuntos centrais da entrevista foi o funcionamento do GES de Brión. Lago defendeu a importancia dun servizo “fundamental” para a comarca e reclamou máis implicación económica dos municipios aos que tamén atende.
“É de ben nacidos ser agradecidos. Se prestamos un servizo supramunicipal, tamén debería existir unha colaboración”, sostivo.
O alcalde explicou que os problemas para cubrir baixas se deben á falta de persoal cualificado nas bolsas de emprego. “Non temos unha vara máxica para fabricar persoal”, lamentou.
En todo caso, insistiu en que seguirá defendendo a continuidade do servizo de emerxencias: “Eu vou pelexar sempre para manter o GES porque considero que é esencial”.
Críticas ás redes sociais
Durante a entrevista, Pablo Lago tamén cargou contra os ataques anónimos nas redes sociais e lamentou o clima de crispación que, ao seu xuízo, existe nalgunhas publicacións.
“As críticas construtivas hai que aceptalas, pero non todo vale”, afirmou. “Non vou permitir insultos nin faltas de respecto ás persoas que están traballando polo Concello”, advertiu.
O rexedor confirmou ademais que algunhas situacións poderían acabar nos tribunais ao considerar que “se traspasaron certas liñas”.
Novos proxectos para Brión
En materia de investimentos, Lago avanzou o desenvolvemento de varias actuacións, entre elas a renovación do alumeado público, a ampliación do pavillón, a mellora do campo de fútbol de Bastavales ou a construción das beirarrúas de Mouro.
Tamén confirmou a intención do Concello de impulsar un gran edificio multifuncional con auditorio, biblioteca e espazos culturais e sociais.
“Non podemos pensar en pequeno. Brión está medrando e temos que pensar en grande”, sinalou.
O alcalde explicou que o Concello xa adquiriu unha parcela destinada exclusivamente a este proxecto e que buscará financiamento doutras administracións para poder executalo.