Fomento do galego
O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, explicou que este festival é un apoio máis ao traballo que se está facendo co programa Modo Galego. Con festivais coma este damos un paso importante na normalización do idioma, xa que o obxectivo que temos todos é o mesmo: que o galego perdure. Como sempre digo, o galego non é patrimonio de ninguén en concreto, é patrimonio de todos e de todas. Agardo que este festival sexa unha actividade que vaia medrando e que perdure no tempo. O máis importante sería que nos próximos anos, cando se siga celebrando, non só participemos xente de Ames, senón que vaia medrando e expandindo a outros concellos”.
O secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García, destacou que “este proxecto ten moitas partes importantes. O Modo Galego, actívao! encadra coa idea de levar o galego máis alá da aula, os espazos de socialización. Ir á escola é moito máis que sentar na aula e adquirir coñecementos: é socializar. Debemos crear contornas de seguridade para que os rapaces e rapazas se comuniquen en galego con comodidade. Esta festa é o xeito de manifestar de maneira colectiva o orgullo de activarmos o galego. A música é unha parte fundamental da nosa cultura e do noso lecer e, sen dúbida, o mellor xeito de pechar esta edición do programa Modo Galego, Actívao! co que estamos encantados de colaborar”.
A académica da Real Academia Galega, María López Sández, incidiu en que “Ames é o corazón, é o comezo do éxito deste programa. Traballarmos pola lingua é algo que nos implica a todos, non só no horario escolar. Os nenos e nenas atópanse nos parques e teñen a idea do modo galego. Todos os pais e nais galegofalantes experimentamos o que o mapa sociolingüístico amosa: un proceso de perda ou dificultade de mantemento do idioma no eido escolar. Debemos traballar colectiva e conxuntamente dende todas as frontes. Dende a Real Academia Galega é un absoluto pracer poder contar coa colaboración do Concello de Ames”.
A técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras, dixo que “este festival é un espazo de encontro co que poñemos o ramo a este programa. Máis do 90% da comunidade educativa participou nesta edición do Modo Galego de maneira activa. Este festival é unha festa na que se poderán atopar todas as familias e o alumnado do concello de Ames. A lingua hai que festexala, que teñamos lingua propia é motivo de alegría e de orgullo. Agardamos que esta proposta que nace en Ames se poida converter nun festival de referencia da música galega infantil”.
Por último, os representantes das Maianas e da Gramola Gominola, Inés Suárez e Paco Cerdeira, incidiron en que “temos que fomentar este tipo de iniciativas e pelexar polo noso” e tamén prognosticaron un futuro cheo de éxitos para este festival “estou seguro de que vai ser un festival de referencia e que vai ter moitas máis edicións”.