A produtora do evento, Ana Rodrígues, definiu Amal por Gaza como “un minifestival solidario que mestura música, compromiso e cultura”. Agradeceu aos grupos a súa entrega altruísta e engadiu: “non podemos permanecer calados diante dun xenocidio que nos factura como humanidade”. Como novidade nesta segunda edición, destacou, que haberá tamén unha tirada especial de camisetas solidarias dispoñibles só no concerto.
A programación continúa coa Semana de Cine Euroárabe Amal, que este ano estará dedicada en exclusiva a Palestina. No Teatro Principal proxectaranse filmes con protagonistas, directores e actores palestinos, e haberá coloquios para debullar a realidade actual. Ademais, o día 7 de outubro proxectarase un documental na Facultade de Ciencias Políticas, seguido dun coloquio con estudantes palestinos.
A oferta complétase cunha exposición de fotografía documental sobre Gaza, que se poderá visitar en outubro e novembro, e cun debate o 31 de outubro na Facultade de Comunicación sobre o papel do xornalismo no conflito. “Queremos que Compostela sexa un espazo de reflexión e de solidariedade, sobre todo entre a mocidade universitaria”, indicou Rodríguez.
As entradas para o concerto teñen un prezo de 15 euros e xa están dispoñibles na web da Sala Capitol na tenda compostelá A Reixa Matrioska e no despacho de billetes o propio día. A organización anima a mercar con antelación, xa que se prevé unha alta demanda: “todo suma, e esta é unha oportunidade de achegarnos un pouco máis ao pobo palestino a través da cultura e da solidariedade”.