Estas oito propostas foron as que recibiron máis apoios das 103 que foron sometidas a votación, divididas en doce áreas temáticas. En total, na primeira fase dos Orzamentos Participativos recibíronse un total de 194 propostas, pero moitas delas eran coincidentes e foron unificadas para a fase de votación, e outras non cumprían os requisitos técnicos do proceso. Tal e como explicou María Rozas, “ainda que o orzamento nos permite executar as oito propostas máis votadas, a concellaría de Xuventude terá en conta outras ideas que consideramos moi interesantes á hora de deseñar a súa programación para o resto do ano.

Preto de 1.400 participantes
Nesta edición dos Orzamentos Participativos da área de Mocidade participaron 1.381 persoas, un 20% máis que o ano pasado, das que 1.270 cumprían os requisitos de votación. Por número de votos, recibíronse un total de 4.143, dos que 3.810 foron efectivos. Só un 8% do total de votos non se consideraron válidos, ben por non cumprir os requisitos da persoa para poder votar, ou ben por non atender a obriga de votar tres propostas diferentes.
En canto ao perfil do votante, o 62% foron mulleres, e o 41% mozos e mozas nadas entre 2007 e 2008. O incremento de votación nesta franxa de idade responde á implicación dos institutos en todo o proceso dos Orzamentos Participativos. Neste sentido, a concelleira de Xuventude agradeceu a implicación dos centros educativos “tanto dos institutos como da Universidade, con mesas de votación, pero tamén con puntos informativos para recoller propostas”. En concreto, houbo 20 mesas informativas en institutos, bibliotecas, no Centro Xove da Almáciga, e lugares de ocio e, como novidade, na sede da Fundación Down “como unha aposta pola inclusión real das persoas con diversidades”.