Santiago. 20-3-2026.- “Ter un cromosoma extra non pode ser a escusa para privarnos dos nosos dereitos. Ter síndrome de Down non é un problema, nin unha dificultade, nin un impedimento, nin unha limitación. A limitación tena quen pensa o contrario”, asegurou hoxe Mónica Otero, a moza con trisomía 21 que copresentou a gala de entrega dos Premios Down Compostela, cos que a Fundación recoñece o traballo de Carol Jean Gillanders e María José Caamaño, do CEIP Os Tilos e de Balidea Consulting & Programaing. Tanto Mónica Otero coma o presidente da Fundación, Juan Martínez, reclamaron “un cambio de mirada para conseguir unha sociedade máis inclusiva, máis tolerante e máis solidaria, da que todos e todas formemos parte de verdade”.
O acto celebrouse na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia, presidido pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; polo Conselleiro de Educación, Román Rodríguez; polo Reitor da USC, Antonio López, e pola deputada provincial de Servizos Sociais, Mar García Vidal. Á gala asistiron máis de 300 persoas, entre as que se atopaban as directoras xerais Traballo Autónomo, Marta Mariño, e de Familia, Jacobo Rey; as deputadas autonómicas Carmen Pomar e Iria Carreira. Tamén asistiron a concelleira de Servizos Sociais de Santiago, María Rozas; Gerardo García Alvela (Cámara de Comercio de Santiago) e representantes dos concellos de Brión e de Porto do Son.
Na lectura do manifesto institucional polo Día Mundial da Síndrome de Down, ademais de reivindicar unha sociedade máis inclusiva, Mónica Otero reclamou os dereitos das persoas con trisomía 21 “a participar, a sentirnos parte da nosa comunidade, a que se nos trate coma persoas adultas e a facer algo máis que fotocopias nos nosos traballos”. “Queremos tomar as nosas propias decisión, que nos deixen equivocarnos, e ser persoas autónomas e independentes. Estamos cansos de que pensen por nós, de que nos etiqueten, e de todos os prexuízos que existen sobre as persoas coa síndrome de Down”, asegurou a moza que copresentou a gala xunto a Ramón Castro, de Onda Cero.
O presidente da Fundación, Juan Martínez, reivindicou “un cambio de mirada na sociedade cara ás persoas con síndrome de Down” e discapacidade en xeral para “fixarnos nas súas capacidades, nos seus dereitos, nas súas posibilidades e no esforzo que fan cada día por superarse. Só deste xeito construiremos unha sociedade inclusiva, diversa, solidaria e avanzada na que todos e todas teñamos as mesmas oportunidades”.
Ese cambio de mirada, dixo Juan Martínez, foi o que fixeron no CEIP Os Tilos “para mudar estruturas e metodoloxías para acadar unha inclusión educativa real que beneficia a todo o alumnado”. A mirada inclusiva no cadro directivo da tecnolóxica Balidea “facilitou a contratación de Sara e Cristina, cambiándolles a vida a estas dúas mozas, que están demostrando a súa valía”. O presidente de Down Compostela destacou tamén o traballo das profesoras da USC Carol Jean Gillanders e María José Caamaño, “que levan tempo tecendo redes e pontes para que os hoxe estudantes e futuros profesionais da educación coñezan a realidade das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual” a través do proxecto CASE. “Seguro que cando eses estudantes comecen a dar clases nos colexios e nos institutos mirarán ao alumnado doutro xeito”, afirmou.