Tamén demanda maior investimento para obras de adecuación dos centros escolares e de ensino secundario de Santiago de Compostela, con 400.000 euros máis, e 400.000 para a construción do pavillón do CEIP Cabanillas Santiago de Compostela (Fase 1). Vai tamén a mellora das instalacións deportivas Estadio “Vero Boquete” e inmediacións en Santiago de Compostela no anexo de investimentos do Plan de Infraestruturas Deportivas nos concellos.
Discriminación da Xunta nas instalacións deportivas compostelás
“Aquí queremos incidir na discriminación do noso concello fronte a outros, co anuncio en outubro do compromiso da Xunta de 18M de euros en investimentos en Ferrol, somos a única das 7 cidades galegas que non ten unha instalación deportiva propia da Xunta aínda sendo a capital”, explicou. Hai moitos anos que a Xunta non fai ningún investimento en materia deportiva en Santiago; o último foi o Pavillón de Fontiñas que se inaugurou en 2011. “Desde aquí emprazamos ao grupo parlamentar do PP e ao deputado e portavoz do PP Borja Verea a votar a favor desta proposta do BNG para a mellora das instalacións deportivas en Santiago de Compostela, pois co seu voto serán responsables de que a Xunta incorpore a dotación orzamentaria que precisan as instalacións deportivas da nosa cidade”, incidiu.
Referiuse tamén ás emendas de 400.000 euros para a creación do Conservatorio Profesional de Danza, de 750.000 euros para a ampliación do Conservatorio Profesional de Música e de 1 millón de euros para a construción da Escola Oficial de Idiomas.
Na aposta por favorecer o dereito á vivenda, ante o encarecemento dos alugueiros, o BNG rexistrou unha emenda de 2.200.000 euros de incremento do orzamento para a construción de vivendas de protección pública. Vai incluída nunha xenérica de 10M.
Para a nova EDAR da Silvouta, é necesaria unha achega da Xunta de 1 millón de euros (para pasar de 1.623.900 euros a 2.623.900 euros), toda vez que o Goberno do Estado se comprometeu a incrementar a súa participación do 65 ao 80% froito do acordo de investidura entre o BNG e o PSOE.
No apartado de obras hidráulicas de saneamento, na Estratexia Galega da Auga 2030, inclúese a mellora da rede separativa e prevención de asolagamentos en diferentes zonas do concello de Santiago (Sar, avenida de Lugo, centro histórico e outras).
O BNG considera unha prioridade completar o saneamento de vivendas do rural, ao ser un servizo básico necesario para mellorar a protección ambiental. Está recollido no Pacto polo Rural da Federación de Asociacións Rurais de Santiago (FERUSA) e é unha demanda das asociacións rurais de Compostela que o BNG trasladou ao Pleno en distintas ocasións. Trátase dunha medida para favorecer o asentamento e fixar poboación no rural. Esta emenda ten un valor de 3 millóns de euros, que vai incluída nunha de 20M.
Tamén para o rural reclama unha partida de 1 millón de euros para solucionar unha deficiente rede de conexión a internet de alta velocidade, o que causa problemas para os negocios, persoas autónomas e para quen ten que traballar online, ademais dos labores e lecer da propia veciñanza. É unha medida para favorecer o asentamento e fixar poboación no rural.
Outra partida destacada é a consignación de 1.500.000 euros para iniciar os traballos da creación dunha planta de compostaxe en Santiago de Compostela para cumprir directiva europea de residuos. Trátase de construír unha nave cuberta de 10.000 m2, cunha volteadora, cun sistema de rego e maquinaria de afino. Supón xerar 150 postos de traballo directos.
Ademais o BNG aposta por crear desde a Xunta un Plan de emprego para recuperar xente emigrada, cunha dotación de 500.000 euros. Para contribuír a frear o declive demográfico, urxe un plan de emprego para recuperar profesionais e investigadores/as que se vén na obriga de deixar Compostela por falta de oportunidades laborais.
“Demandamos un Plan de emprego para persoas con discapacidades en Santiago de Compostela, cunha dotación de 500.000 euros, incluída nunha xenérica de 21M, porque para alén do labor de asociacións, é necesario un plan de emprego e inserción laboral para persoas con diversidade física, psíquica e funcional”, explicou Louzao.
Un proxecto “rutineiro”
Pola súa parte, Iria Carreira definiu como “rutineiro” o proxecto de Orzamentos que presenta o PP, “porque carece de iniciativa, está baseado na inercia e en medidas electoralistas, que fai ancorar Galiza no pasado”.
“Estes orzamentos consolidan unha Galiza que vai a menos, con menos poboación, menos industria, menos emprego e menos servizos públicos onde só saen beneficiadas as grandes elites e empresas ás que lle gusta abrazarse tanto Rueda como Feijóo anteriormente”, engadiu.
“Desde o BNG presentamos emendas ao servizo do pobo galego”, a comezar por un cambio na política fiscal que é básico “para que pague máis quen máis ten”, co incremento da achega das rendas con maiores ingresos para manter os servizos públicos do noso país.
Os grandes eixos destas emendas do BNG van enfocados ao reforzo dos servizos públicos e as políticas de igualdade; o avance en dereitos e na solidariedade nun momento de crise; ao desenvolvemento dun novo modelo produtivo e á preservación do territorio e á loita contra o cambio climático.