O balneario de Compostela realizou un estudo sobre os efectos terapéuticos das augas termais na depresión, en colaboración coa facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago e os centros de saúde de Brión e Bertamiráns. Este proxecto piloto levouse a cabo cunha selección de pacientes que pesentaban depresión moderada ou severa e non tomaban medicación.
Os médicos do balneario explican que as persoas con depresión sofren unha alteración na súa temperatura corporal, de xeito que, cando se someten a un tratamento con auga a 40 ºC, o organismo libera unha substancia que fai que a temperatura corporal diminúa, cos consecuentes efectos positivos para estes doentes. “Os resultados indícannos que mellora tanto o sono como a sensación anímica” -afirman-.
Os participantes realizarán prácticas no balneario con peloides, parafangos, envolturas e presoterapia
As xornadas comezan o venres ás 16:00 horas cun percorrido pola historia do balneario e das súas augas, da man da doutora Concepción San Martín. De seguido, os futuros facultativos realizarán unha visita ás instalacións do centro. Logo terán unha nova charla sobre o tratamento terapéutico respiratorio, concluíndo con prácticas termais no balneario.
O sábado coñecerán cales son as principais innovacións no sector termal, en particular no referente ao uso de peloides. Terán a oportunidade de recibir diversos tratamentos en seco como peloides, parafangos, envolturas e presoterapia. Logo achegaranse aos principais efectos terapéuticos das augas mineromedicinais na depresión. A xornada concluirá cunha sesión práctica no balneario.