Porén, lamentou “a falta de implicación, planificación e apoio económico do goberno municipal”, que ao seu xuízo está a impedir consolidar e facer medrar este tipo de eventos. “Estamos desaproveitando oportunidades claras para atraer turismo de calidade e fortalecer o noso tecido económico”, advertiu.
A concelleira tamén recolleu as demandas do sector, sinalando que “igual que apunta a Unión Hotelera, é imprescindible reforzar a promoción turística, especialmente nos meses de menor demanda, e avanzar con planificación nos preparativos do Xacobeo 2027”. Neste sentido, lembrou que Santiago conta con “todos os recursos para ser unha potencia turística: patrimonio cultural e eclesiástico, unha excelente planta hoteleira, infraestruturas como o Palacio de Congresos ou a Cidade da Cultura, unha gastronomía recoñecida e eventos de proxección internacional como O Son do Camiño, que o propio goberno municipal se empeña en cuestionar”.
ESCURANTISMO CON RYANAIR
Durante a quenda de preguntas, Baleato foi clara ao rexeitar “entrar en polémicas artificiais que o único que fan é intentar tapar o verdadeiro problema, que é que o goberno do BNG, Compostela Aberta e a propia Goretti Sanmartín levan tres anos sen facer absolutamente nada polo sector turístico da cidade”.
Neste contexto, denunciou o “escurantismo” co que, ao seu xuízo, actúa o executivo local: “están a ocultar as cifras que o seu goberno destinou á compañía Ryanair desde que están na alcaldía. Uns datos que deberían ser públicos, porque son os cartos de todos os composteláns, e que a señora Goretti Sanmartín ten un especial interese en que non se coñezan”.