A concelleira de Capital Cultural, Miriam Louzao, pola súa banda, aproveitou a súa intervención para subliñar que MARÉ representa «a diversidade cultural de Santiago» e permite que tanto veciñanza como visitantes gocen da cultura. «O festival está en sintonía cos valores culturais da cidade» rematou Louzao. Nesta mesma liña, a representante de Estrella Galicia, Loreto Rodríguez. incidiu que o festival coincide tamén «cos valores da entidade tanto no cultural coma no musical.»
Por último, o músico Rómulo Sanjurjo tomou a palabra para centrarse na parte profesional de MARÉ da que exerce como coordinador. Nese sentido, definiu MATE Europa como unha «plataforma para promovoer novas formas de cultura variada e inclusiva en tres cidades europeas». A sección profesional do festival está conformado por encontros sectoriais, showcases, palestras e pitchings, entre outras iniciativas.
De Sumrrá&Niño de Elche a José Afonso
Con eses obxectivos, MARÉ armou unha programación que inclúe unha trintena de bandas, entre as que atopamos nomes tan destacados como son Albert Pla and The Surprise Band (Cataluña), Ana Lua Caiano (Portugal) Shantel (Alemaña), Puuluup (Estonia), Francisco, El Hombre (México), SÉS (Galicia) ou Sumrrá & Niño de Elche. Precisamente, esta aposta conxunta da banda de jazz compostelá co artista valenciano, unión que tan ben representa as esencias de MARÉ, copará o protagonismo o primeiro día. O seu concerto celebrarase ás 20.30 horas na Sala Capitol, tras a actuación inicial de Su Garrido Pombo. A xornada inaugural completarase con Diadorim na Riquela e a Foliada prevista na Sala das Crechas.
Tras estas primeiras citas, MARÉ despregará nos seguintes días o seu programa noutros espazos como son a praza de Mazarelos ou o Teatro Principal, cuxo escenario recibirá o xoves 26 á SÉS Trío ás 19.00 horas tras o concerto previo de Al Azar (Palestina), mentres que Albert Pla and The Surprise Band subirán o escenario da Sala Capitol ás 21.30 horas. A programación da segunda xornada tamén contempla os concertos da arxentina Aluminé Guerrero na Riquela e de DJ Panko, nas Crechas.
O venres 27, MARÉ brindaralle ao público un programa intenso. O Teatro Principal será o escenario para a portuguesa Ana Lua Caiano, que actuará tras a intervención do trío galego Nacho-Faia-LAR. En Mazarelos, sucederanse as actuacións de grupos como Delahuerta, Dupla ou o estonio Puuluup. Ademais, o venres será o día escollido por MARÉ para o regreso das Ultranoites de Chévere a Compostela. A Sala Capitol recibirá o regreso deste histórico formato teatral á cidade no que naceu tras case unha década de ausencia.