A candidata tamén se referiu ao clima electoral, denunciando a aparición de bulos e campañas de descrédito nas redes sociais. “Non hai ningunha campaña política detrás de min. Non me interesa a quen vota a xente do meu equipo, só que compartan unha idea de universidade”, recalcou, advertindo do perigo de “entrar no fango” nunha institución que, ao seu xuízo, debe ser exemplo de convivencia e respecto. “Despois das eleccións temos que ser quen de mirarnos á cara”, engadiu.
No plano territorial, Flores rexeitou calquera confrontación entre os campus de Santiago e Lugo, defendendo unha USC cohesionada. “Non quero darlle máis forza a Lugo, quero darlle a forza que lle corresponde”, afirmou, criticando a percepción de agravio que se xerou nos últimos anos. “Un estudante da USC ten que ter os mesmos dereitos estea en Lugo ou en Santiago”, insistiu.
Sobre a titulación de Medicina, mantivo un discurso de prudencia e coherencia, afastándose de propostas que, ao seu xuízo, suporían unha mala planificación. “Plantexar tres facultades non é unha boa decisión nin unha boa inversión. Hai que traballar para que a USC perda o menos posible e, se é posible, gañe neste proceso”, explicou.
A vivenda foi outro dos asuntos abordados, especialmente pola súa incidencia directa no acceso á universidade. Aínda que recoñeceu que non é unha competencia exclusiva da USC, Flores defendeu un papel activo da institución: “Pode impedir a formación se un estudante non ten onde vivir. Temos que traballar coas administracións e buscar solucións desde as nosas infraestruturas”.
No eido da formación, puxo en valor o carácter público da universidade e lembrou que o acceso debe depender “da nota de corte, non dos ingresos”. “Somos universidade pública e temos que garantir ese sistema”, afirmou, destacando a gratuidade da matrícula para o estudantado que supera as materias.