“As opcións para facer turismo, igual que para desfrutar da lamprea, son case infinitas, pero a mellor está nas Rías Baixas”, asegura Luis López
Madrid, 23 de xaneiro do 2025. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca en Fitur os importantes atractivos turísticos que ofrecen as distintas comarcas e concellos da provincia de Pontevedra, así como a garantía de calidade en atención e servizos ao visitante que son as entidades pontevedresas, nunha xornada que xirou arredor da presentación da campaña “Cando Volves?” de Turismo Rías Baixas. Acompañado pola deputada de Turismo, Nava Castro, o presidente López participou nunha degustación de centola organizada polo Concello do Grove e nas presentación dos produtos turísticos do Xeodestino Deza-Tabeirós e do Xeodestino Condado Paradanta, para poñer en valor, neste caso, a creación do Club da Lamprea. “As opcións para facer turismo, igual que para desfrutar da lamprea, son case infinitas, pero a mellor está nas Rías Baixas. Xa non é ningún segredo, porque cada anos somos máis: os que nos descubren e os que volven”, afirmou Luis López na presentación desta iniciativa lanzada polo GDR Terra e Auga.
No stand que Turismo de Galicia ten en Ifema, o presidente Luis López tomou parte da presentación dun dos grandes atractivos turísticos do interior da provincia en materia gastronómica: o Club da Lamprea. Unha proposta ideada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Terra e Auga, que conta co apoio da Deputación a través dos 1,5 millóns de euros de fondos europeos conseguidos polo organismo provincial para a posta en marcha dun Plan de Sustentabilidade Turística para O Condado e A Paradanta que inclúe, entre outros plans, o lanzamento do Club da Lamprea, para protexer e promocionar este produto típico do sur da provincia. “Nesta provincia temos un club moi especial. Un club cunha sede infinita, cunha masa social inmensa e do que nos enorgullecemos ao mesmo tempo que o apoiamos. Falo do Club da Lamprea, un club que cada día ofrece o mellor espectáculo cultural, natural e gastronómico. Porque na provincia da batea e o marisco, o maior manxar habita as augas doces do río Miño desde tempos inmemoriais”, definiu o presidente López todo o que envolve á lamprea.