Concertos de Entroido da EMMA
Ademais, como xa vén sendo habitual, a Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, organizou nestas festas de Entroido dúas actuacións. O primeiro dos concertos foi Música entre disfraces, que se realizou o pasado mércores 11 de febreiro e tivo unha duración aproximada dunha hora. A actuación abriuse coa interpretación de Kokoleoco e distintas cancións de cine da man de 18 alumnos e alumnas de Música e Movemento.
Posteriormente, tres alumnos de piano ofreceron un arranxo do clásico Hallelujah, de Leonard Cohen, outras pezas de James Bastien, Antonín Dvořák e a canción popular In the river. A continuación, houbo seis actuacións máis, nas que alumnos/as de guitarra, linguaxe musical, canto, batería e violín deleitaron ao público con temas moi coñecidos como Highway To Hell, de AC/DC, ou Yesterday, dos Beatles. O concerto pechouse co tema Try Everything, de Shakira. En total, participaron arredor de 50 alumnos e alumnas da escola.
O segundo concerto celebrouse o venres 13 de febreiro. Este concerto estivo enfocado a agrupacións e combos da EMMA. Deste xeito, arredor de 65 alumnos e alumnas de guitarra, piano, batería, saxo, baixo e linguaxe musical interpretaron durante aproximadamente 75 minutos temas populares, como Rasputin, do grupo Boney M., Todos los besos, de Los Rebujitos, ou Flowers, de Miley Cyrus.
Entroido do programa Amessán