O fallo do xurado, conformado polo alumnado de bacharelato de seis institutos galegos, un madrileño e tres europeos, deuse a coñecer esta mañá no salón de claustros do IES Rosalía de Castro nunha rolda de prensa na que interviñeron o secretario xeral de Lingua, Valentín García; o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, e a directora do centro educativo compostelán organizador, Gemma Paredes.
Paredes, na súa intervención, agradeceulles aos representantes das dúas consellerías o apoio a este galardón que chegará o vindeiro curso á súa trixésima edición. Agradeceulles tamén o traballo e a implicación tanto aos centros participantes coma os seus alumnos/as que este ano formaron parte dos tres xurados: IES Antón Losada Diéguez (A Estrada, Pontevedra), IES 12 de Outubro (Ourense), IES Isaac Díaz Pardo (Sada, A Coruña), IES Sanxillao (Lugo), IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela), o IES Ramiro de Maetzu (Madrid), o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña), o Hockerill Anglo European College (Reino Unido) e o propio IES Rosalía de Santiago.
Valentín García, pola súa banda, celebrou a singularidade deste premio na que a rapazada actúa de xurado e convidou, tras coñecerse o premio para Lídia Jorge, a ler a súa obra na lingua orixinal da autora, o portugués, xa que a literatura lusa é “un inmenso océano”. Bértolo gabou o traballo dos centro educativos á hora de lle dar á sociedade “estudantes ben formados” como os que se reuniron esta mañá no anuncio do fallo do Premio San Clemente, que son “unha boa mostra” deste traballo. Bértolo felicitou o IES Rosalía por este galardón, que está ás portas de facer trinta anos.