O novo decano comezou facendo un repaso aos catorce anos nos que exerceu como vicedecano de Docencia Clínica, periplo non que, tal e como destacou, “o traballo en equipo permitiu que se puidera dar un cambio exponencial na actividade da Facultade de Medicina e Odontoloxía”. A seguir, o profesor puxo o foco nos retos que se formulan de cara aos vindeiros seis anos, desafíos aos que pretende facer fronte con “diálogo e consenso”. Así, entre os seus obxectivos atópanse a promoción do uso do galego no centro, renovar a acreditación do grao en Medicina e a implantación do grao reformado, así como solicitar a acreditación da titulación de Medicina pola Federación Mundial para a Educación Médica (WFME) para obter o selo internacional.
Reforzar o profesorado da Facultade e o Persoal Técnico de Xestión de Administración e Servizos figuran tamén entre os obxectivos do profesor Carreira para o seu mandato, alén de promover a participación da comunidade universitaria, impulsar unha maior docencia con técnicas de simulación, a inclusión da Intelixencia Artificial, ou mellorar a dotación dos laboratorios, entre outros aspectos.
Ademais, no capítulo relativo a Odontoloxía, o decano destacou como retos o proceso de reacreditación actualmente en curso, a adaptación do plan do grao segundo os requirimentos europeos, a ampliación da dotación para prácticas con microscopios ou simuladores, entre outro material; e completar o proceso de remodelación do edificio. O novo decano destacou en relación á formación que neste ámbito se imparte dende a USC “o nivel que presenta a saúde bucodental e o gran recoñecemento a nivel nacional e internacional da Odontoloxía”.
O decano saínte, Julián Álvarez Escudero, agradeceu “por xustiza” a toda a comunidade universitaria o apoio recibido nestes oito anos de goberno e especialmente ás persoas que integraron os seus dous equipos de goberno, así como ao SERGAS, ás consellarías con competencias en Sanidade e Educación e centros hospitalarios. O profesor rematou afirmando a gran honra que lle supón ter sido decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC.
O equipo decanal completarano Álvaro Hermida Ameijeiras, vicedecano de Clínicas e Estudantes; Luís Lima Rodríguez, vicedecano de Calidade; Mónica Pérez Ríos, vicedecana de Intercambios; e María Jesús Mora, vicedecana de Odontoloxía. Actuará como secretaria académica, María Jesús Tabernero Duque; e serán coordinadoras dos graos de Medicina e Odontoloxía, Ángela Torres Iglesias e Pilar Gándara Vila, respectivamente.