O gañador reivindicou tamén a importancia dos premios e sinalou que “esta obra naceu polo tema da violencia. Por que tanta violencia? Todos sabemos o que está pasando en Gaza e a min cólleme de preto porque estiven un mes aló cunha beca. E téñoo moi marcado. Dáme moito que pensar. Outra das cousas que me levou a escribir esta obra foron as violacións das mulleres nas guerras. O papel da muller na sociedade, na familia… e as violacións non se teñen en conta como delitos de guerra”.
Máis de 300 textos
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, destacou o traballo realizado pola Academia Galega do Teatro, Edicións Positivas, o Xurado do Premio e o Departamento de Cultura do Concello de Brión, “en especial de Sandy Cebral, concelleira de Cultura, e Alberto Álvarez, técnico de Cultura, porque sen eles nada disto sería posible”. Así mesmo, recordou que “estepremio naceu para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño e tamén para cumprir o seu desexo de poder contar cunha importante escolma de textos teatrais en galego, paso fundamental á hora da profesionalización do teatro en Galicia. Pois ben, cos 49 obras presentadas este ano xa son máis de trescentas obras teatrais as promovidas por este Premio Laudamuco. Que se di pronto…”.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, recordou unha entrevista realizada a Baños de Cos no que aseguraba que entendía o teatro de forma reivindicativa, polo que asegurou que “o noso benquerido Roberto estaría hoxe orgulloso de que este premio lle sexa entregado hoxe a José Luís Baños. Unha persoa que comparte non só ese espírito reivindicativo do teatro, senón tamén o seu interese polos temas sociais. Creo que non fai falla que mencione como Vidal Bolaño centraba a súa atención en temas sociais, especialmente nas persoas marxinadas, aquelas peor tratadas pola sociedade”. Importancia do premio
Pola súa parte, Francisco Macías, director de Edicións Positivas, puxo en valor que “falando con José Luís Baños, sorprendeuse de que a obra xa estea editada, cando normalmente neste tipo de premios se fai ao ano seguinte. Pero se deixamos pasar un ano xa ninguén se acorda de que se entregou ese premio. Destácoo porque esta é unha característica propia deste Premio Laudamuco: o día no que se entrega o premio, preséntase o texto editado. Creo que non hai ningún premio en Galicia que faga o mesmo. E dígoo porque hai outro premio, dunha institución máis grande, que quere competir con este pero non dá chegado”