Campionato de España máster 5K
No campionato de España máster 5K, o primeiro atleta masculino en cruzar a liña de meta foi Ignacio García Ramón (máster 35), do club Adas Cupa, cun tempo de 15.28, mentres que a primeira atleta feminina en chegar á meta foi María Isabel Ferrer Castell (máster 40), do club C.A. Llebeig, cun tempo de 17.42.
Cómpre destacar a gran carreira realizada polo amesán, José Fernando Sainz García, do Club de atletismo Sar, que logrou o campionato de España máster 75 conseguindo un tempo de 22.11, mellorando deste xeito o récord de España que xa posuía dende 2024. Ademais, Jorge Crespo Arias, tamén do club amesán atletismo Sar conseguiu o campionato de España Máster 45 cun tempo de 15.43. Premendo nesta ligazón podes consultar todas as clasificacións do campionato de España máster 5K.
Categorías sub18
Os/as atletas sub18 tiveron que dar unha volta ao circuíto completando 5,25 quilómetros. Na categoría masculina, subiron ao podio, Uxío Rudiño Lorenzo, do Club atletismo Negreira, na primeira posición; Xoán Iglesias Ferreiro, da asociación deportiva Olimpia, na segunda posición; e Mateo Rodríguez Ardao, do club atletismo Santiago, na terceira posición. Cómpre destacar que na quinta posición quedou Nadir Moreira Gómez, do Ames Atletismo Savante.
Na categoría feminina a gañadora foi a atleta local, María Estévez Vázquez, da Sociedade Gimnástica de Pontevedra. Na segunda e terceira posición quedaron Naroa Pereira Tesouro e Icía Ares Betanzos, as dúas do Ourense Atletismo. A cuarta posición foi para a atleta local Mariela Quijano Fernández, do Ames Atletismo Savante.
Entrega de premios
Unha vez rematadas as carreiras, procedeuse á entrega de trofeos no podio instalado na praza do Concello. Foron galardoados cun trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina. Houbo tamén catro premios en metálico: 250 euros para o gañador, 200 para o subcampión, 100 para o terceiro clasificado e 50 para o cuarto. Na proba absoluta, ademais, tamén recibiron un trofeo os tres primeiros corredores empadroados no concello de Ames que chegaron á liña de meta. Pola súa banda, os máis pequenos foron premiados cunha medalla.
Como vén sendo habitual durante as últimas edicións, tamén se entregou un trofeo aos tres primeiros clubs da carreira absoluta, e premios en metálico aos catro primeiros (250 euros para o gañador, 175 para o segundo clasificado, 100 para o terceiro e 75 para o cuarto).
Ademais, a empresa BeOne, que xestiona o Centro deportivo municipal A Telleira, situado en Bertamiráns, agasallou á primeira atleta e ao primeira atleta, empadroados no concello de Ames que chegaron á liña de meta, cun vale de tres meses de ximnasio gratis.
Organización do evento