Identificado o responsable das verteduras de entullos en Ponte de San Domingos
A Policía Local vén de identificar á persoa responsable das reiteradas verteduras de entullos rexistradas na rúa da Ponte de San Domingos, que se enfronta agora a unha sanción de ata 3.000 euros. Foi despois dun importante dispositivo no que nas últimas semanas participaron axentes, tanto de paisano como uniformados, e no que tamén foi importante a colaboración cidadá.
Líder Redacción
6 de mayo de 2026 a las 17:23
Nas últimas semanas víñanse detectando verteduras de entullos en sacos de obra na zona de San Lourenzo, máis en concreto na rúa da Ponte de San Domingos. A Policía Local activou un dispositivo para dar cos autores, e logrou localizar, nunha obra de reforma, o vehículo utilizado para depositar os residuos. Finalmente púidose dar co operario, que recoñeceu ser o autor da vertedura dun cento de sacos de entullos en Ponte de San Domingos. A Policía Local atribúelle as verteduras anteriores rexistradas no mesmo lugar. A persoa identificada enfróntase a unha sanción de ata 3.000 euros.
O Concello de Santiago fai unha chamada á responsabilidade e á colaboración da veciñanza para evitar estas verteduras e dar coas persoas responsables no caso de que se produzan. Ademais, lembra 1ue os entullos de obras menores domiciliarias deben ser levados ao Punto Limpo, que está aberto de luns a venres en horario de 10:50 a 14:00 horas, e de 16:00 a 19:50 horas; así como os sábados de 10:50 a 18:10. Ademais, Santiago conta cun servizo de recollida de voluminosos a domicilio, que se pode solicitar chamando ao 981 565469.
No caso das obras maiores, deben instalarse os contedores ou sacas de entullos coa correspondente autorización municipal.



