Guinarte subliñou que o documento cifra en cantidades moi importantes o investimento preciso para modernizar o sistema, que afecta a zonas clave como “o casco vello, o campus, o polígono do Tambre e o rural”. A este respecto, o portavoz socialista lamentou que, malia a gravidade da situación, “o Concello siga sen adoptar medidas nin definir un modelo de xestión que permita iniciar estas obras no curto prazo”.
“O importante é ir a unha renovación da actual concesión, que leva tantísimos anos caducada, unha renovación que permita, que posibilite, que facilite no máis curto prazo posible a realización das inversións que son necesarias para manter unha rede en óptimas condicións de funcionamento e, por tanto, un subministro axeitado para a cidadanía”, afirmou.
En relación co modelo de xestión, Guinarte destacou que o informe “non propón un sistema ideal” e só apunta á posibilidade dunha sociedade mixta “porque di que permite equilibrios e mellora o control directo do servizo”. Porén, advertiu que o documento “non profundiza” nesta opción e que será necesario un estudo máis detallado antes de adoptar unha decisión.
Guinarte explicou que o modelo de xestión “é algo que necesitamos estudar máis a fondo”, xa que o informe “apunta” á posibilidade dunha sociedade mixta pero “non profundiza en ningunha das posibles solucións, nin sequera na que se inclina”. Engadiu que, antes de tomar unha decisión, “serán precisos máis informes, máis detallados, que permitan coñecer polo miúdo as cuestións económicas que o contrato ou o modelo de sociedade mixta supoña e poder tomar unha decisión perfectamente informada”, concluíu.