«Non podemos permitir que ningunha familia quede desatendida. Os servizos sociais teñen que ser unha prioridade para que A Estrada sexa un concello xusto e igualitario», asegura.
A Estrada quere ser un referente no eido cultural e turístico. Louzao destaca a importancia de eventos culturais e artísticos, así como a aposta polo turismo rural e sustentable. «Temos un potencial enorme. A xente busca espazos auténticos e a nosa terra ofrece natureza, gastronomía e historia», subliña.
Tamén salienta o papel do deporte como motor de benestar e desenvolvemento local. «A nova pista de atletismo é unha das mellores de Europa, e queremos seguir potenciando instalacións deportivas que favorezan a actividade e a convivencia», explica.
Futuro e compromiso co pobo
Sobre a súa continuidade na política local, Louzao ten claro que «ser alcalde da Estrada é un luxo e un orgullo». Asegura estar cómodo no cargo e afirma que a súa prioridade non é a ambición política, senón seguir traballando para transformar o concello: «O importante non é onde esteas, senón o que consigas facer para mellorar a vida da xente».
O alcalde pecha a entrevista con optimismo: «O noso reto é seguir avanzando. Con traballo e planificación, podemos conseguir unha Estrada con máis oportunidades, máis servizos e máis calidade de vida».
A entrevista completa, no seguinte enlace.