Outras accións incluirán o impulso da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial, a promoción do turismo vinculado aos Camiños de Santiago, a posta en valor do clima como recurso turístico e a presentación de novas iniciativas relacionadas co turismo cultural, deportivo, cinematográfico, artístico e termal.
Os días sábado 25 e domingo 26, FITUR abrirá as súas portas ao público xeral, e o expositor galego ofrecerá unha ampla variedade de actividades. Os visitantes poderán gozar de demostracións en vivo de artesanía, gastronomía e actuacións culturais que reflicten a identidade e a riqueza da comunidade. Este programa busca achegar o mellor de Galicia a todos os que se animen a coñecela máis de preto.
Nesta edición, Galicia destaca a súa aposta pola sostibilidade a través da presentación da marca “Galicia Refuxio Climático”, que inclúe proxectos innovadores como a creación dos primeiros pulmóns verdes urbanos, destinados a mellorar a calidade de vida nas cidades galegas. Tamén se presentará o plan de xestión da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, un espazo natural único pola súa xeomorfoloxía, biodiversidade e situación xeográfica, que o converten nun miradoiro privilexiado cara ao Atlántico.
FITUR é só o inicio dun intenso calendario promocional para Galicia en 2025. Durante este mes, Turismo de Galicia tamén participará nas feiras de Finlandia e Irlanda, continuando así cunha estratexia de internacionalización que prevé máis de 30 eventos nacionais e internacionais ao longo do ano.