Fran Fernández Dávila recibe en Padrón o XXXV Premio Literario Camilo José Cela
Líder Redacción
16 de marzo de 2026 a las 20:47
Covadonga Rodríguez, Fran Fernández Dávila (co premio) e Anxo Arca
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a directora da Fundación Cela, Covadonga Rodríguez, entregaron o XXXV Premio Literario Camilo José Cela a Fran Fernández Dávila pola súa obra A lingua dos ósos. O galardón está dotado con 1.500 euros e unha estatuíña co busto do escritor e premio Nobel Camilo José Cela.
Durante o acto, Anxo Arca destacou as achegas literarias do autor, escritor e enxeñeiro industrial natural de Nigrán, e puxo en valor a calidade da obra premiada. Ademais, lembrou a versatilidade de Fran Fernández, quen xa fora gañador anteriormente do certame de poesía Rosalía de Castro.
Pola súa banda, Fran Fernández amosouse “inmensamente feliz e agradecido” ao recibir un premio que cualificou de “tan prestixioso”. O autor tamén quixo agradecer ao Concello de Padrón “o seu compromiso inquebrantable coa cultura e por manter vivo este premio ano tras ano”. Así mesmo, salientou que entre os 168 relatos presentados ao certame resultase gañadora unha obra escrita en galego.
O acto de entrega, celebrado na sede da Fundación Cela, rematou cun concerto de música a cargo de Natalia, Martiño e Raúl, alumnos da Escola de Música Municipal de Padrón, que interpretaron pezas de piano, saxo e trompeta.



