O Concello de Teo lanza unha nova edición da campaña de apoio ao comercio local, baixo o título «Rasca e Gaña no Nadal de Teo». Esta iniciativa arrinca o vindeiro luns, 16 de decembro, e ata o 5 de xaneiro de 2025, en case 80 establecementos do municipio. Os departamentos de Desenvolvemento Industrial, Economía Local e Parques e Xardíns e o de Cultura e Turismo foron os encargados de levar a cabo esta iniciativa.
Con esta iniciativa búscase fomentar o consumo no comercio local durante o Nadal, promovendo a dinamización económica do municipio e recompensando á clientela. Así, os establecementos adheridos disporán de 500 boletos “rasca e gaña”, dos que un estará premiado cunha cesta de Nadal con produtos de alimentación, achegada polo Goberno local.
A listaxe dos establecementos participantes vai dende tendas de alimentación, florarías, mercerías, clínicas, servizos e produtos do fogar, estancos e lotarías, fotografía e instrumentos musicais, xardinaría e produtos agrícolas, ópticas, salóns de peiteado e estética ou librarías e material didáctico. Desta forma, chégase a todos os tipos de establecementos que hai en Teo, poñendo en valor -unha vez máis- a diversidade de negocios existentes no municipio e deixando claro que en Teo temos de todo para poder mercar os agasallos deste Nadal.
Colaboración co comercio local
Esta iniciativa súmase á campaña “Merca no comercio local, merca en Teo”, lanzada tamén polo Concello para colaborar co sector comercial. A través dun vídeo promocional, buscouse dar a coñecer a gran oferta de negocios existente no municipio e invitar así á veciñanza -e aos foráneos- a realizar as súas compras nos establecementos locais, fomentando o comercio de proximidade.