Ante a obriga legal derivada da chamada “lei do tasazo”, Taboada foi claro: “Se non aplicabamos esa taxa tal como viña no estudo, incumpriamos. Pois para incumprir, incumprimos o 100% e punto, a ver que pasa”. O rexedor defendeu que a prioridade foi protexer ás familias: “Non podiamos trasladar esa carga aos veciños”.
Vivenda pública e residencia: compromisos antes de 2027
En clave de futuro, Taboada destacou a cesión de solo para promover entre 15 e 17 vivendas destinadas a facilitar o acceso á primeira residencia para xente nova. “Agora mesmo no Pino non hai oferta de vivenda nin privada nin pública”, advertiu.
Tamén avanzou os contactos coa Consellería de Política Social para impulsar a residencia de maiores, unha promesa electoral que quere ver iniciada antes de 2027. “Os programas electorais non están para escribilos nun papel e gardalos. Hai que cumprilos”, sentenciou. O emprazamento previsto estaría próximo ao centro de saúde e ao edificio sociocultural, nunha zona céntrica e ben comunicada.
O Camiño Francés, motor económico
O alcalde puxo en valor o peso do Camiño Francés como principal industria local. “A maior industria que temos é o Camiño”, afirmou, lembrando que entre o 46% e o 47% dos peregrinos que chegan a Compostela utilizan esta ruta.
No núcleo do Pedrouzo-Arca existen máis de 2.000 prazas de aloxamento para unha poboación que non chega aos 5.000 habitantes en todo o concello. “Hai máis prazas para pernoctar que veciños nese núcleo. Iso creouse grazas ao Camiño”, destacou, incidindo na importancia de coidar e promocionar a marca en feiras como Fitur.